[14-03-2012] A campaña de identificación de cans leva en funcionamento pouco máis de 15 días e está tendo un grande éxito. As clínicas veterinarias de Ames constatan que se produciu un incremento tanto na solicitude de información como na implantación destes dispositivos de identificación. Esta campaña púxose en marcha co obxectivo de sensibilizar os propietarios de cans sobre a importancia de ter identificados os seus animais. Todas as clínicas veterinarias amienses participan nesta iniciativa. A campaña comezou con cinco clínicas colaboradoras pero agora xa son seis (Saudevet, Mundo Vivo, Zoolandia, Hospican, Clínica Veterinaria Novo Milladoiro e A Media Lúa). A campaña prolongarase ata final de marzo. Durante este mes as clínicas veterinarias ofrécenlles ás persoas interesadas un desconto do 10 por cento no prezo da implantación dos microchips de identificación regulamentarios.
O Concello de Ames e as clínicas veterinarias do municipio puxeron en marcha o pasado 1 de marzo unha innovadora campaña co obxectivo de sensibilizar aos propietarios de cans sobre a importancia de ter identificados os seus animais. A campaña leva dúas semanas en funcionamento e xa se pode dicir que está sendo un éxito. Segundo lle trasladaron as propias clínicas veterinarias ao Concello, durante estes 15 días experimentouse un incremento na implantación de microchips e na solicitude de información.
Os usuarios/as están acudindo ás clínicas veterinarias solicitar información porque en moitos casos descoñecían que era obrigatorio que todos os cans deben levar un microchip de identificación. Segundo a lexislación vixente, a implantación do microchip nas mascotas é obrigatoria e non voluntaria. O incumprimento desta norma pode implicar unha sanción económica. Moitas persoas estanse decatando disto a través da campaña posta en marcha polo Concello de Ames ou grazas aos controis que está levando a cabo a Policía local durante este mes.
As persoas que teñen as súas mascotas sen identificar están aproveitando esta campaña para implantarlles o correspondente microchip aos seus cans. Ata o día 31 de marzo as clínicas colaboradoras nesta campaña ofrecen un desconto do 10 por cento no prezo da implantación dos microchips de identificación regulamentarios. Todas as clínicas veterinarias amienses participan nesta iniciativa. A campaña comezou con cinco clínicas colaboradoras pero agora xa son seis (Saudevet, Mundo Vivo, Zoolandia, Hospican, Clínica Veterinaria Novo Milladoiro e A Media Lúa).
Control dos cans sen microchip
A Policía local está realizando un control dos cans do municipio, comprobando cun lector de microchip que as mascotas están correctamente identificadas. Durante estas primeiras dúas semanas realizóuselles o control a uns 40 cans. Algúns dos propietarios descoñecían que era obrigatorio a identificación das súas mascotas polo que acudiron a unha das clínicas veterinaria para implantarlle o microchip.
Neste control lémbraselles aos propietarios a súa responsabilidade na identificación dos cans e advertíselles da posible sanción económica que implica o incumprimento. Trátase dunha campaña informativa. Os axentes da Policía local están informando e non sancionando, aínda que todas as persoas que non teñen identificados os seus cans deberán facelo.
Ao mesmo tempo, dende a Policía local estase incidindo na problemática da recollida de excrementos caninos polas súas graves consecuencias hixiénicas, ambientais e sanitarias. O Concello de Ames lembra que estes residuos orgánicos son a miúdo fonte de contaxio de enfermidades entre mascotas e incluso de infeccións que poden afectarlles ás persoas.
A Concellaría de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade enmarca esta campaña de educación no seu obxectivo de erradicar os problemas de seguridade viaria e de saúde pública que causan os cans abandonados, ademais de atallar o elevado custo económico que a súa recollida e depósito supón para o Concello de Ames. Deste xeito, a concellaría salienta que os cans abandonados, moitos deles sen identificación, son potenciais causantes de accidentes de tráfico, transmisores de enfermidades e, incluso, poden comportarse de maneira agresiva se se ven ameazados.




