Pestanas principais

A Aula móbil do Programa de Garantía Xuvenil estará dous días en Ames

Luns, 02 de novembro de 2015

[02-11-2015] Mellorar a empregabilidade, facilitar a inserción no ámbito laboral, promover o emprendemento e mellorar a situación dentro do mercado de traballo son os principais obxectivos que persegue o Programa de Garantía Xuvenil, unha iniciativa dirixida a mozos e mozas entre 16 e 29 anos e que está a implementar a Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Unha aula móbil itinerante está a percorrer Galicia facilitando información a todos os mozos e mozas que queiran formar parte do programa. Esta aula móbil está dotada de equipamentos informáticos e conta cun equipo de asesores que dan charlas e responden a todas as dúbidas que se formulen. A aula móbil, de acceso libre, visitará o concello de Ames o martes 3 e mércores 4 de novembro. Estará situada na Praza de Chavián de Bertamiráns e atendida por dous orientadores en horario ininterrompido entre as 12:00 e as 20:00 horas.

O programa de Garantía Xuvenil articúlase para dar resposta á situación laboral na que se atopan moitos mozos e mozas en Galicia. Contempla actuacións para mellorar a empregabilidade, facilitar a inserción no ámbito laboral, promover o emprendemento e mellorar a súa situación dentro do mercado de traballo. A iniciativa está dirixida a mozas e mozos de entre 16 e 29 anos que actualmente non estean traballando nin recibindo educación ou formación.

O programa pretende garantir a igualdade de oportunidades no mercado laboral, ofrecendo experiencia laboral, formación ou cursos de idiomas e TIC. Así, os participantes do mesmo poden recibir unha oferta de emprego, de educación continua, formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas nun prazo de catro meses despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados.

Eixos de actuación
Para acadar este fin, o programa de Garantía Xuvenil vertébrase en catro eixos: mellora da intermediación (servizo de orientación e información laboral), mellora da empregabilidade (obradoiros de emprego, prácticas non laborais en empresas), estímulos á contratación (bonificacións e incentivos a empresarios que contraten a mozos e mozas inscritos no sistema nacional de Garantía Xuvenil) e fomento do emprendemento (axudas á creación de empresas propias e cooperativas).

Todos os mozos/as interesados neste programa poden achegarse os días 3 e 4 de novembro pola aula móbil itinerante, na Praza de Chavián de Bertamiráns. Alí poderán informarse de primeira man dos requisitos que deben cumprir para participar no programa, e de como é o proceso de inscrición no mesmo. Para máis información, os interesados poden chamar ao número de teléfono 881995700.

Este plan de Garantía Xuvenil está cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o periodo 2014-2020.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "La plaza de Chavián, foro para el empleo juvenil con un aula móvil de la Xunta"