[06-01-2016] A partir do día 11 de xaneiro xa estará aberto o prazo para inscribirse nos novos cursos que a Aula de informática do Milladoiro organiza durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo. Neste trimestre ofértanse tres cursos: iniciación ao procesador de textos “Writer”, Descubre o Entroido na rede e unhas xornadas de Internet de nivel medio.
O curso de iniciación ao procesador de textos “Writer” terá lugar entre os días 25 e 28 de xaneiro. Está dirixido a aquelas persoas maiores de 18 anos que queiran aprender a manexar un procesador de textos de forma básica. O software empregado será Open Office, de código libre, e co que os participantes descubrirán como crear os seus propios carteis, escribir cartas, deseñar diplomas ou a formatear páxinas e táboas. O curso impartirase en dúas quendas, de mañá, de 10:00 a 11:30 horas, e de tarde, de 18:00 a 19:30 horas. Ofértanse 10 prazas por quenda.
A través do obradoiro "Descubre o Entroido na rede" ensinaralles aos nenos e nenas de entre 9 e 12 anos a mergullarse na rede en busca de información sobre unha das festas máis celebradas en Galicia. Ademais farán un traballo relacionado co Entroido, aprendendo a usar un procesador básico de texto co que escribirán sobre o aprendido. O curso, terá lugar os días 1, 2, 3 e 4 de febreiro en horario de 18:30 a 19:30 horas.
Por último, entre os días 14 e 16 de marzo, terán lugar as xornadas sobre Internet de nivel medio. Nelas poderán participar persoas maiores de 18 anos, que xa saiban buscar con soltura información na rede, e queiran aprender a configurar o seu navegador, gardar arquivos e datos no seu ordenador, aspectos interesantes a ter en conta cando se realizan compras por Internet. Estas xornadas, que serán gratuítas, terán lugar en dúas quendas: de mañá, entre as 10:00 e as 11:30 horas, e de tarde, entre as 18:00 e as 19:30 horas.
As prazas cubriranse por orde de inscrición e poderán optar ás mesmas os cidadáns empadroados no concello de Ames. O número mínimo de inscricións para que as actividades se leven a cabo é de 7 persoas. Os interesados poderán atopar máis información no teléfono 981 535 940 ou escribindo un correo electrónico á dirección informatica.milladoiro@concellodeames.org.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Manejo del Writer y uso de Internet al alcance de los vecinos en O Milladoiro"




