[28-07-2016] A Aula de Informática do Milladoiro pecha as portas durante un mes por descanso do persoal. Entre os días 26 de xullo e 25 de agosto permanecerá pechada, para reabrirse o día 26 de agosto en horario de verán, de 10:00 a 13:00 horas. No que vai de ano máis de 1.000 persoas empregaron os ordenadores durante o servizo de Aula Aberta e arredor de 80 usuarios/as participaron nalgúns dos cursos impartidos entre os meses de xaneiro e xullo.
Entre xaneiro e xullo a Aula de Informática do Milladoiro impartiu os cursos de iniciación ao procesador de texto, que contou coa participación de 10 persoas, unhas xornadas de Internet (nivel medio) no mes de marzo, que contaron con 20 participantes, ou un obradoiro de aplicacións para teléfonos móbiles, que gozou de moito éxito entre os seus 11 participantes.
No verán impartíronse cursos de mecanografía para nenos, nenas e rapazas e rapaces un pouco maiores. O de xuño rexistrou 11 inscricións e o de xullo 20. Nestes meses aumenta a participación dos informáticos e informáticas máis novos. O curso de mecanografía de xullo tivo que desdobrarse, ante o aumento das demandas de praza, polo que se impartiu un en horario de 11:00 a 12:00 h, e outro en horario de 12:00 a 13:00 horas.
A Aula Aberta, tanto na Aula de Informática do Milladoiro como a do CeMIT en Bertamiráns, permanece a disposición das persoas usuarias para a busca de información, a impresión de pequenos documentos, os xogos ou para practicar o aprendido nas aulas. A Aula do Milladoiro rexistrou durante o primeiro semestre deste ano un total de 1.079 usuarios e usuarias.