[27-03-2016] O 28 de marzo abre o prazo de inscrición nos cursos que ofrece a Aula de Informática do Milladoiro entre os meses de abril e xullo. A oferta inclúe catro obradoiros para persoas adultas, encamiñados a aprender a empregar o correo electrónico, a comprar entradas para eventos culturais en Ames de forma electrónica, organizar unha viaxe empregando internet ou sacar partido ao teléfono móbil. A Aula organiza ademais dous obradoiros para o público de menor idade, ambos de mecanografía e dirixidos a rapaces e rapazas de distintos tramos de idade.
Todos os cursos ofertan un número de 10 prazas, agás o obradoiro "Aprende a usar o teu teléfono móbil" que oferta 12, que se irán cubrindo por rigoroso orde de inscrición. As persoas interesadas poden inscribirse ou atopar máis información a través do teléfono 981 535 940 ou escribindo un correo electrónico á dirección informatica.milladoiro@concellodeames.gal.
Dous dos cursos terán lugar no mes de abril. O primeiro consistirá nun obradoiro para aprender a crear e manexar unha conta de correo electrónico. Está enfocado a persoas maiores de 18 anos e terá lugar os días 20 e 21 de abril. Ofértanse dúas quendas: a primeira en horario de 10:00 a 11:30 horas e a segunda de 18:00 a 19:30 horas. O segundo curso ensinará ás persoas matriculadas a comprar en liña entradas para espectáculos culturais na aplicación municipal A Billeteira. Este obradoiro desenvolverase nunha única clase o día 26 de abril, en horario de 10:00 a 11:30 horas na primeira quenda, ou de 18:00 a 19:30 horas na segunda.
En maio desenvolveranse tamén dous cursos, no primeiro as persoas usuarias aprenderán a organizar unha viaxe empregando internet, mentres que no segundo profundarán no uso do teléfono móbil e nas formas de sacarlle partido. O primeiro obradoiro terá lugar os días 10 e 12 de maio, en horario de 10:00 a 11:30 horas. A segunda aula será impartida voluntariamente por Ángel Buela, que explicará ás persoas inscritas a comprender mellor o funcionamento dos seus teléfonos móbiles. O obradoiro desenvolverase nos días 13 e 20 de maio de 18:00 a 19:30 horas.
Nos meses de xuño e xullo organízanse dous obradoiros de mecanografía. O primeiro, que se impartirá ao longo dos días 1, 2, 6, 7 e 9 de xuño, está dirixido a nenas e nenos de 9 a 11 anos. O horario das clases é de 16:15 a 17:15 horas. O segundo terá lugar no mes de xullo, e está dirixido desta volta a rapaces e rapazas entre 12 e 15 anos. Desenvolverase entre os días 4 e 11 de xullo en horario de 11:00 a 12:00 horas.