Pestanas principais

A Aula de Informática do Milladoiro impartiu un obradoiro de iniciación á Internet no que participaron 20 persoas

Luns, 23 de novembro de 2015

[23-11-2015] Durante a semana pasada a Aula de informática do Milladoiro acolleu un curso de iniciación á Internet. Este obradoiro enmárcase dentro da programación de outono que organiza a concellería de Cultura. O curso estivo dirixido a persoas maiores de 18 anos sen coñecementos de informática. As clases impartíronse en horario de mañá, de 10:00 a 11:30 horas, e de tarde, de 18:00 a 19:30 horas. O alumnado completou un total de 6 horas lectivas. Neste curso participaron un total de 20 persoas. Ademais, no vindeiro mes de decembro desenvolverase un obradoiro infantil no que os nenos e nenas de 9 a 11 anos aprenderán a usar un programa de elaboración de diapositivas.

Continúan os cursos e obradoiros informáticos na Aula de Informática do Milladoiro. Neste mes de novembro levouse a cabo un curso de iniciación á Internet, dirixido a persoas maiores de 18 anos. A través destas xornadas preténdese ensinar o uso básico da Internet para actividades da vida diaria como son ler a prensa, consultar a web do concello, solicitar cita para o médico de cabeceira ou facer unha compra a un supermercado.

Ademais serven para que os asistentes valoren o uso da Internet como unha vía de comunicación e para o desenvolvemento persoal de cada usuario/a. Estas xornadas están pensadas para todas aquelas persoas que nunca usaron Internet e que son un pouco remisas a sentarse diante dun ordenador porque pensan que non son capaces de usalo e teñen medo a rompelo.

Este curso desenvolveuse entre os días 16 e 19 de novembro, en dúas quendas, unha de mañá e outra de tarde. Tivo un gran éxito de participación, xa que había 10 prazas dispoñibles para cada quenda e cubríronse todas.

Obradoiro de decembro Un conto de Nadal
Aínda é posible inscribirse no obradoiro infantil do mes de decembro. Leva por título Un conto de Nadal e neste obradoiro, os nenos e nenas de Ames de entre 9 e 11 anos aprenderán a utilizar un programa de elaboración de diapositivas. Esta actividade levarase a cabo os días 21, 22, 23, 28 e 29 de decembro, en horario de mañá de 11:00 a 12:00 horas, e de tarde, de 18:00 a 19:00 horas. Haberá 10 prazas por quenda.

As inscricións para este obradoiro pódese realizar na Aula de Informática que está situada na casa da Cultura do Milladoiro. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Terán preferencia as persoas que non participaron nas mesmas actividades en trimestres anteriores. Para inscribirse é preciso estar empadroado no Concello de Ames e para que se formen os grupos é necesario un mínimo de sete persoas inscritas.

As inscricións poderán facerse en horario de Aula Aberta, de luns a xoves de 16:00 a 20:00 horas, e os venres de 9:30 a 13:30 horas. Calquera persoa que desexe máis información poderá obtela directamente na Aula de Informática, enviando un correo electrónico a informatica.milladoiro@concellodeames.org ou chamando ao teléfono 981 53 59 40.