Pestanas principais

A aula de informática do Milladoiro impartirá tres cursos durante o primeiro trimestre de 2013

Martes, 08 de xaneiro de 2013

[08-01-2013] A aula de informática do Milladoiro xa ten pechada a programación de cursos formativos que ofrecerá durante o primeiro trimestre deste ano. No mes de xaneiro impartirase un obradoiro sobre o correo electrónico, que está dirixido ás persoas maiores de 18 anos sen coñecementos de informática. Para o mes de febreiro está previsto que se desenvolva un obradoiro de presentación de diapositivas de Entroido, que está dirixido aos nenos e nenas de 8 a 12 anos. Por último, en marzo impartirase un curso para aprender a dar os primeiros pasos na informática. Este curso tamén está dirixido ás persoas maiores de 18 anos sen coñecementos de informática. Estes tres cursos son gratuítos.

O próximo luns, 14 de xaneiro, comeza o prazo de inscrición para os cursos formativos que ofrece a aula de informática do Milladoiro durante o primeiro trimestre de 2013. Estas actividades realízanse co obxectivo de fomentar o acceso ás novas tecnoloxías de todos e todas as persoas que aínda non tiveron a oportunidade de matricularse nalgún dos obradoiros programados anteriormente.

Durante o mes de xaneiro desenvolverase un curso sobre o correo electrónico. Esta actividade está dirixida ás persoas maiores de 18 anos sen coñecementos de informática. A actividade, que se desenvolverá os días 29, 30 e 31 de xaneiro, ofrecerase en dúas quendas: en horario de mañá, de 10:00 a 11:30 horas, e de tarde, de 18:00 a 19:30 horas. En total, terá unha duración de catro horas e media. Hai 10 prazas dispoñibles por cada unha das quendas.

No mes de febreiro, a aula acollerá un obradoiro de presentación de diapositivas de Entroido, que está dirixido aos nenos e nenas de 8 a 12 anos interesados en aprender a manexar un programa de elaboración de presentacións. Este obradoiro impartirase os días 4, 5, 6, 7 e 8 de febreiro en horario de 18:00 a 19:00 horas. Este curso ten unha duración de cinco horas e conta con 10 prazas dispoñibles.

En marzo, impartirase un curso para aprender a dar os primeiros pasos na informática. Este curso tamén está dirixido ás persoas maiores de 18 anos sen coñecementos de informática. As clases desta actividade impartiranse entre os días 18 e 22 de marzo, en horario de 10:00 a 11:30 da mañá e de 18:00 a 19:30 horas da tarde. Este curso ten unha duración de sete horas e media e conta con 10 prazas dispoñibles por quenda.

Para optar a unha das prazas é imprescindible estar empadroado no Concello de Ames. Así mesmo, as prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Terán prioridade as persoas que non realizaron esas mesmas actividades en trimestres anteriores. Para inscribirte nestes cursos ou resolver calquera outra dúbida ou pregunta, poden comunicarse a través do teléfono 981 535 940 ou vía correo electrónico escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.org

Servizo Aula Aberta
Por outra banda ofrécese o servizo de Aula Aberta, habitualmente entre as 16:00 e as 20:00 horas, do que poden facer uso dos ordenadores todas as persoas que estean empadroadas no concello. Para poder empregar o servizo de Aula Aberta só hai que cubrir unha ficha cos datos persoais e entregar unha fotografía coa que facer o seu carné de usuario/a. A persoa encargada da aula dálles un número de usuario/a e explícalles as normas. Os usuarios/as poden daquela empregar os ordenadores da aula para o que precisen, como consultar o correo electrónico, ler o xornal, xogar ou procurar información. Ante calquera dúbida poden preguntar o que desexen á persoa responsable. Tamén poden acudir usuarios cos seus ordenadores portátiles persoais a resolver as dúbidas que teñan no manexo da informática.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El aula de informática de Milladoiro impartirá tres cursos durante el primer trimestre de 2013"