[13-09-2013] A aula de informática do Milladoiro é un dos servizos municipais con maior número de usuarios/as ao longo do ano. Esta aula de informática desenvolve numerosos cursos que están dirixidos aos veciños/as amienses co obxectivo de que se inicien ou melloren os seus coñecementos sobre as novas tecnoloxías. Ademais, ofrécese servizo de Aula Aberta no que a veciñanza pode empregar os ordenadores para ler a prensa, mirar o correo electrónico, entrar nas redes sociais, etc. Para ofrecer un servizo máis adaptado ás necesidades dos usuarios/as a aula de informática do Milladoiro estrea horario na Aula Aberta de cara ao curso 2013-2014. Deste xeito, de luns a xoves abrirá en horario de tarde, de 16:00 h a 20:00 horas, e o venres en horario de mañá, de 9:30 h a 13:30 horas. Ademais, xa está pechada a programación de cursos formativos que ofrecerán durante os meses de outubro, novembro e decembro.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, decidiu establecer un novo horario de apertura do servizo de Aula Aberta, que se ofrece na aula de informática do Milladoiro, co obxectivo de ampliar o acceso a este servizo de toda a veciñanza amiense. Deste xeito, abrirá catro días a semana en horario de tarde e un día pola mañá. Os veciños e veciñas que non poidan acudir en horario de tarde terán a posibilidade de facelo o venres pola mañá. O novo horario para o curso 2013-2014 será de luns a xoves, de 16:00 h a 20:00 horas, e os venres de 9:30 h a 13:30 horas.
A concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, explica que “co novo horario amplíase o servizo de Aula Aberta a toda a cidadanía amiense. Ata o de agora, a aula de informática do Milladoiro ofrecía este servizo só en horario de tarde. Agora farao tamén os venres pola mañá, polo que todas aquelas persoas que non podían facer uso deste servizo polas tardes poderán facelo os venres polas mañás de 9:30 h a 13:30 horas. A aula de informática do Milladoiro xa conta cun gran número de usuarios/as, pero con esta medida agardamos seguir incrementando a porcentaxe de uso deste servizo municipal”.
Programación do último trimestre
A Aula de informática do Milladoiro xa ten preparada a programación para os meses de outubro, novembro e decembro. Durante o mes de outubro desenvolveranse unhas xornadas de iniciación á Internet. Esta actividade está dirixida a persoas maiores de 18 anos sen coñecementos de informática. A actividade, que se desenvolverá entre o 21 e o 24 de outubro, ofrecerase en dúas quendas: en horario de 10:00 a 11:30 horas e de 18:00 a 19:30 da tarde. En total, terá unha duración de 6 horas. Trátase dun curso gratuíto no que se ofertan 10 prazas para cada unha das quendas.
No mes de novembro, a aula acollerá un obradoiro de mecanografía destinado a persoas maiores de 18 anos. Esta actividade desenvolverase os días 18, 19, 20, 21 e 25 de novembro. Ao igual que no caso anterior haberá dúas quendas, unha de mañá que se desenvolverá en horario de 10:00 a 11:00 horas, e outra de tarde, en horario de 19:00 a 20:00 horas. Este curso tamén é gratuíto e ten unha duración de 5 horas. Hai 10 prazas dispoñibles por quenda.
En decembro, impartirase un obradoiro gratuíto de actividades de Nadal dirixidas aos nenos e nenas de Ames. Esta actividade, que terá lugar os días 10, 11, 12, 17 e 18 de decembro, está destinada a rapaces e rapazas de 8 a 11 anos que estean interesados/as en aprender a manexar un programa de elaboración de diapositivas. O curso impartirase en horario de 18:00 a 19:00 horas e conta con 10 prazas dispoñibles.
O prazo de inscrición para participar nestas actividades comeza o 1 de outubro. Para optar a unha das prazas é imprescindible estar empadroado no Concello de Ames. Así mesmo, as prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Terán prioridade as persoas que non realizaron esas mesmas actividades en trimestres anteriores. Para inscribirte nestes cursos ou resolver calquera outra dúbida ou pregunta, poden comunicarse a través do teléfono 981 535 940 ou vía correo electrónico escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.org.




