Pestanas principais

A Aula de Informática do Milladoiro anima á rapazada de Ames a participar no obradoiro “Descubre o entroido na rede”

Xoves, 21 de xaneiro de 2016

[21-01-2016] Buscar na rede información sobre a orixe do Entroido, pescudar en páxinas onde aparezan máscaras e personaxes típicos desta festa e coñecer as receitas típicas da celebración son algunhas das cuestións que se abordarán no obradoiro “Descubre o entroido na rede” que, dirixido a nenos e nenas de 9 a 12 anos se impartirá na Aula de Informática do Milladoiro desde o día 1 ate o 4 de febreiro en horario de 18:30 a 19:30. Os asistentes elaborarán un pequeno traballo que lles servirá ademais para adquirir coñecementos sobre o manexo do procesador de textos writer e sobre o xeito de navegar en Internet.Os interesados/as poden atopar máis información e inscribirse a través do teléfono 981 535 940 ou escribindo un correo electrónico á dirección informatica.milladoiro@concellodeames.gal. Hai dez prazas dispoñibles.

Os dez rapaces e rapazas que participen no obradoiro “Descubre o entroido na rede” terán a oportunidade de adquirir coñecementos sobre o Entroido e ao mesmo tempo avanzarán nos seus coñecementos de informática, aprendendo a buscar información sobre esta festa na rede e facendo un pequeno traballo con toda esa información no procesados de textos de software libre Writer . O traballo que está previsto que realicen permitiralles poñer marcos ás páxinas, inserir fotos, cambiar fontes e tamaños, empregar as letras de Fontwork, e formatear parágrafos, aprendendo así o uso básico deste procesador de textos.

As prazas para este obradoiro cubriranse por orde de inscrición e poderán optar ás mesmas os cidadáns empadroados no concello de Ames. O número mínimo de inscricións para que as actividades se leven a cabo é de 7 persoas. Os interesados poderán atopar máis información no teléfono 981 535 940 ou escribindo un correo electrónico á dirección informatica.milladoiro@concellodeames.gal.