[26-10-2012] Durante esta semana a Aula de informática do Milladoiro acolleu un curso de iniciación á Internet. Este obradoiro enmárcase dentro da programación de outono que organiza a Concellería de Cultura. O curso estivo dirixido a persoas maiores de 18 anos sen coñecementos de informática e tivo un custo de 5 euros. As clases impartíronse en horario de mañá, de 10:00 h. a 11:30 horas, e de tarde, de 18:00 h. a 19:30 horas. O alumnado completou un total de 7,5 horas lectivas. Neste curso participaron un total de 16 persoas. Ademais, para o mes de novembro está previsto que se realice un obradoiro de mecanografía, mentres que en decembro desenvolverase unha actividade de Nadal para nenos/as.
As novas tecnoloxías están cada vez máis presentes na vida diaria, e saber empregar un computador ou navegar pola Internet é indispensable. Por iso, a aula de informática do Milladoiro organizou unhas xornadas de iniciación á Internet. Este obradoiro desenvolveuse ao longo desta semana. Establecéronse dúas quendas, unha de mañá e outra de tarde. Na quenda da mañá participaron 10 alumnos/as, mentres que á de tarde asistiron 6 persoas. Estas xornadas estiveron dirixidas a persoas maiores de 18 anos.
A través destas xornadas preténdese ensinar o uso básico da Internet para actividades da vida diaria como son ler a prensa, consultar a web do concello, solicitar cita para o médico de cabeceira ou facer unha compra a un supermercado. Ademais serven para que os asistentes valoren o uso da Internet como unha vía de comunicación e para o desenvolvemento persoal de cada usuario/a. Estas xornadas están pensadas para todas aquelas persoas que nunca usaron Internet e que son un pouco remisas a sentarse diante dun ordenador porque pensan que non son capaces de usalo e teñen medo a rompelo.
Outras actividades
No mes de novembro, a aula acollerá un obradoiro de mecanografía destinado a persoas maiores de 18 anos. Entre os días 19 e 23 dese mes impartiranse as clases desta actividade, que se programarán en horario de 10:00 a 11:00 da mañá e de 19:00 a 20:00 horas da tarde. Este curso ten un custe de 5 euros e conta con 10 prazas dispoñibles por quenda.
En decembro, impartirase un obradoiro gratuíto de actividades de Nadal dirixidas aos nenos e nenas de Ames. Esta actividade, que terá lugar do 12 ao 14 dese mes, está destinada a rapaces e rapazas de 6 a 8 anos que estean interesados/as en aprender a manexar un programa de debuxo para a realización de postais de Nadal. O curso impartirase en horario de 18:00 a 19:00 horas e conta con 10 prazas dispoñibles.
Para optar a unha das prazas é imprescindible estar empadroado no Concello de Ames. Así mesmo, as prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Terán prioridade as persoas que non realizaron esas mesmas actividades en trimestres anteriores. Para inscribirte nestes cursos ou resolver calquera outra dúbida ou pregunta, poden comunicarse a través do teléfono 981 535 940 ou vía correo electrónico escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.org.





