Pestanas principais

A Aula de Informática do Milladoiro acolle unhas xornadas de iniciación a internet

Martes, 25 de xaneiro de 2011

[25-01-2011] Internet é unha ferramenta cada vez máis imprescindíbel a día de hoxe. Para asegurar que a veciñanza amiense teña un coñecemento que lle permita moverse con soltura pola rede a Aula de Informática do Milladoiro organiza habitualmente todo tipo de iniciativas a prol da difusión de coñecementos informáticos. Ao longo desta semana vinte persoas participarán nas Xornadas de Iniciación a Internet que lles permitirá desde xestionar unha conta de correo a seguir a actualidade pola rede. As xornadas son gratuítas e organízanse en dous grupos de mañá e de tarde.

A Aula de Informática do Milladoiro acolle ao longo desta semana unhas xornadas de iniciación a internet. Con esta iniciativa, orientada a persoas maiores de 18 anos interesadas no dominio das novas tecnoloxías, preténdese dotar aos participantes dos coñecementos básicos para o emprego da rede. Aprenderán a utilizala para funcións tan básicas e útiles como consultar a prensa en internet, xestionar unha conta de correo electrónico ou pedir cita no médico. As xornadas están pensadas para persoas con poucos ou nulos coñecementos de internet e informática.

As vinte persoas participantes están divididas en dous grupos de dez, un de mañá e outro de tarde. O horario de mañá é de 10:00 h. a 11:30 horas, e o de tarde, de 18:00 h. a 19:30 horas. As xornadas terán unha duración total de sete horas e media para cada grupo. Na primeira sesión abordáronse os aspectos máis básicos da informática e de internet. Así os participantes teñen unha primeira toma de contacto co ordenador, que algúns nunca empregaran anteriormente, aprendendo as partes que o compoñen e o manexo do rato polo escritorio. Despois lévase a cabo unha primeira introdución a internet, moi sinxela e básica, na que se explica que é a rede, o que se pode facer nela e os navegadores que se empregan, vendo as súas partes principais. Posteriormente os asistentes entran na páxina do Concello para coñecer os seus servizos e consultan a páxina dun xornal dixital, comprendo as vantaxes de ler a prensa en internet no que respecta á actualidade.

Na segunda sesión os participantes aprenderán a facer tarefas como concertar cita no médico ou facer a compra nun supermercado a través da rede. Recordaráselles a necesidade de ter coidado en internet á hora de facilitar datos como números de teléfono ou de conta bancaria, sendo necesario sempre moverse por páxinas de confianza. O mércores explicaráselles como empregar google para buscar todo tipo de información en internet, incluíndo imaxes e vídeos. Tamén aprenderán a usar programas como o google maps. As sesións do xoves e do venres centraranse no correo electrónico, desde como crear unha conta ao envío de mensaxes.

O ritmo das xornadas dependerá dos participantes e adaptarase á súa velocidade de aprendizaxe e resolución de dúbidas que vaian xurdindo. Desde a Aula de Informática animaráselles a continuar empregando os seus servizos cando rematen as xornadas, facendo uso da aula aberta e preguntando todas aquelas dúbidas que sigan tendo, a fin de non perder soltura e seguir ampliando os seus coñecementos informáticos.