[25-04-2012] A Aula de Informática do Milladoiro acolle durante esta semana un curso para aprender a buscar emprego a través da rede. Este curso está dirixido a persoas maiores de 18 anos cuns coñecementos básicos de alfabetización dixital (navegar pola internet e manexar algún procesador de textos). Esta actividade desenvolverase entre o 23 e o 27 de abril, en horario de tarde, das 18:00 h ás 19:00 horas. O obradoiro, que ten unha duración de 5 horas, é gratuíto. No mes de maio desenvolverase un curso de iniciación ás follas de cálculo, mentres que no mes de xuño está previsto que se desenvolva un obradoiro de mecanografía para nenos/as. Para inscribirte nestes cursos ou resolver calquera outra dúbida ou pregunta, poden comunicarse a través do teléfono 981 535 940 ou vía correo electrónico escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.org.
A Aula de informática do Milladoiro desenvolve todos os trimestres varios cursos co obxectivo de que a veciñanza amiense teña a oportunidade de mellorar os seus coñecementos de informática. As novas tecnoloxías forman parte do día a día e cada vez é máis preciso saber manexar un computador ou navegar por internet. Para iso, organizouse un curso para aprender a buscar emprego a través da rede. Nestas xornadas participan cinco persoas que xa teñen uns coñecementos básicos de alfabetización dixital como son navegar pola internet e manexar algún procesador de textos. Este curso desenvólvese ao longo desta semana, entre o 23 e 27 de abril, en horario de 18:00 a 19:00 horas.
Nestas xornadas ensínaselles aos participantes a pedir un certificado de vida laboral, facer un currículo e unha carta de presentación nun procesador de textos e envialo por correo electrónico, rexistrarse nalgún portal de emprego e visitar páxinas de empresas onde poder enviar o currículo. Unha vez rematado o curso os participantes recibirán un certificado que acredita o correcto aproveitamento desta acción formativa.
No mes de maio desenvolverase un curso de iniciación ás follas de cálculo, que tamén está destinado as persoas maiores de 18 anos con coñecementos básicos en informática o que inclúe manexar algún procesador de textos. Esta actividade desenvolverase entre o 2 e o 31 de maio, en horario de mañá, de 10:00 h a 12:00 horas, e de tarde, de 19:00 h a 21:00 horas. O obradoiro, cunha duración de 40 horas, ten un custo de 10 euros. Ofértanse 20 prazas (10 para a quenda de mañá e 10 para a quenda de tarde). As persoas que estean interesadas neste curso deben saber que aínda quedan dúas prazas libres na quenda de tarde.
Para o mes de xuño queda o obradoiro de mecanografía para nenos/as. Este curso está dirixido a nenos/as de entre 8 e 12 anos interesados en aprender a manexar un programa de mecanografía. Esta actividade desenvolverase entre o 11 e o 15 de xuño, en horario de 16:00 h a 17:00 horas. O obradoiro, que ten unha duración de 5 horas, é gratuíto. Ofértanse un total de 10 prazas.
Para optar a unha das prazas é imprescindible estar empadroado no Concello de Ames. Así mesmo, as prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Terán prioridade as persoas que non realizaron esas mesmas actividades en trimestres anteriores. Estas actividades realízanse co obxectivo de fomentar o acceso ás novas tecnoloxías de todos e todas as persoas que aínda non tiveron a oportunidade de matricularse nalgún dos obradoiros programados anteriormente. Para inscribirte nestes cursos ou resolver calquera outra dúbida ou pregunta, poden comunicarse a través do teléfono 981 535 940 ou vía correo electrónico escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.org.




