Pestanas principais

A aula de informática do Milladoiro abre o prazo de inscrición para os cursos que se celebrarán no último trimestre do ano

Luns, 08 de outubro de 2012

[08-10-2012] Este luns comeza o prazo de inscrición para acudir aos cursos que se impartirán durante os meses de outubro, novembro e decembro na aula de informática de Milladoiro. A programación desta aula situada na Casa da Cultura de Milladoiro para os últimos meses de 2012 xa está pechada e dende hoxe todos aqueles que o desexen poderanse inscribir na propia aula de luns a venres de 16:00h a 20:00h.

No mes de outubro impartirase un curso de iniciación a internet, en novembro a aula acollerá un obradoiro de mecanografía e en decembro desenvolveranse actividades de Nadal para nenos/as. Os veciños e veciñas de Ames que estean interesados nos cursos deben inscribirse canto antes xa que as prazas son limitadas.

A Aula de informática do Milladoiro xa ten preparada a programación para os meses de outubro, novembro e decembro. Durante este mes desenvolverase un curso de iniciación a internet. Esta actividade está dirixida a persoas maiores de 18 anos se coñecementos de informática. A actividade, que se desenvolverá entre o 22 e o 26 de outubro, ofrecerase en dúas quendas: en horario de 10:00 a 11:30 de mañá e de 18:00 a 19:30 da tarde. En total, terá unha duración de 7,5 horas e un custo de 5 euros. Hai 10 prazas dispoñibles por cada unha das quendas.

No mes de novembro, a aula acollerá un obradoiro de mecanografía destinado a persoas maiores de 18 anos. Entre os días 19 e 23 dese mes impartiranse as clases desta actividade, que se programarán en horario de 10:00 a 11:00 da mañá e de 19:00 a 20:00 horas da tarde. Este curso ten un custe de 5 euros e conta con 10 prazas dispoñibles por quenda.

En decembro, impartirase un obradoiro gratuíto de actividades de Nadal dirixidas aos nenos e nenas de Ames. Esta actividade, que terá lugar do 12 ao 14 dese mes, está destinada a rapaces e rapazas de 6 a 8 anos que estean interesados/as en aprender a manexar un programa de debuxo para a realización de postais de Nadal. O curso impartirase en horario de 18:00 a 19:00 horas e conta con 10 prazas dispoñinles.

Para optar a unha das prazas é imprescindible estar empadroado no Concello de Ames. Así mesmo, as prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Terán prioridade as persoas que non realizaron esas mesmas actividades en trimestres anteriores. Estas actividades realízanse co obxectivo de fomentar o acceso ás novas tecnoloxías de todos e todas as persoas que aínda non tiveron a oportunidade de matricularse nalgún dos obradoiros programados anteriormente. Para inscribirte nestes cursos ou resolver calquera outra dúbida ou pregunta, poden comunicarse a través do teléfono 981 535 940 ou vía correo electrónico escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.org.

Servizo Aula Aberta
Por outra banda ofrécese o servizo de Aula Aberta, habitualmente entre as 16:00 e as 20:00 horas, do que poden facer uso dos ordenadores todas as persoas que estean empadroadas no concello. Para poder empregar o servizo de Aula Aberta só hai que cubrir unha ficha cos datos persoais e entregar unha fotografía coa que facer o seu carné de usuario/a. A persoa encargada da aula dálles un número de usuario/a e explícalles as normas. Os usuarios/as poden daquela empregar os ordenadores da aula para o que precisen, como consultar o correo electrónico, ler o xornal, xogar ou procurar información. Ante calquera dúbida poden preguntar o que desexen á persoa responsable. Tamén poden acudir usuarios cos seus ordenadores portátiles persoais a resolver as dúbidas que teñan no manexo da informática.