Pestanas principais

A Aula de Informática do Milladoiro abre o prazo de inscrición para os cursos do último trimestre do ano

Luns, 23 de setembro de 2019

A Aula de Informática do Milladoiro abre hoxe o prazo para anotarse nos cursos que ofrece para este último trimestre do ano 2019. A oferta está formada por un obradoiro de mecanografía para adultos; outro de correo electrónico tamén para maiores de 16 anos; e un curso de iniciación á programación con Scratch, dirixido a nenos e nenas de 9 a 12 anos. Ao remate desta nova poderás obter a solicitude de inscrición dos diferentes obradoiros, que son gratuítos.

A Aula de Informática do Milladoiro inicia a súa programación de outono cun obradoiro de mecanografía. Dirixido a persoas maiores de 16 anos, este curso de cinco horas de duración desenvolverase os días 15, 17, 22, 24 e 29 de outubro. Existen 10 prazas por quenda (de 10:00h a 11:00h ou de 18:00h a 19:00 horas).

Por outra banda, no mes de novembro está prevista a realización dun obradoiro de correo electrónico, pensado para persoas maiores de 16 anos que queiran sacarlle rendemento a esta ferramenta. Este obradoiro de catro horas e media de duración terá lugar os días 12, 14 e 19 de novembro, en horario de 10:00h a 11:30h ou de 18:00h a 19:30 horas. O número de prazas por quenda é de 10.

Finalmente, a programación complétase coa realización dun curso de iniciación á programación con Scratch, dirixido a nenos e nenas de 9 a 12 anos, co obxectivo de elaborar tarxetas de Nadal. O curso ten unha duración de dúas horas e desenvolverase o 23 de decembro, en horario de 11:00 a 13:00 horas. Hai dez prazas dispoñibles.

Tramitación das inscricións
O prazo de inscrición para estes obradoiros gratuítos está aberto desde este luns, 23 de setembro, ata que se cubran todas as prazas, o que se fará por orde de inscrición. Cómpre destacar que terán preferencia as persoas que non teñan participado anteriormente nestes mesmos obradoiros. Para inscribirse é preciso estar empadroado no Concello de Ames e para que se formen os grupos é preciso un mínimo de sete persoas inscritas. Preme aquí para descargar o impreso de inscrición nos cursos da Aula de Informática do Milladoiro.

As inscrición poderanse facer en horario de Aula Aberta, de luns a xoves de 16:00h a 20:00 horas, e os venres de 9:30h a 13:30 horas; ou a través dun correo ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, no que deberá enviarse cuberta e asinada a solicitude de inscrición no curso que se desexe. Calquera persoa que desexe máis información pode obtela directamente na Aula de Informática da Casa da Cultura do Milladoiro, enviando un correo ao anterior enderezo ou chamando ao teléfono 981 535 940.

Servizo de Aula Aberta
A Aula de Informática do Milladoiro ofrece un servizo de Aula Aberta para que todas as persoas que o desexen poidan facer tarefas tais como consultar o correo electrónico, facer traballos persoais, ler o xornal, pedir unha cita médica ou buscar información. O horario de aceso á Aula Aberta é de 16:00h a 20:00 horas de luns a xoves, e de 9:30h a 13:30 os venres. Para poder beneficiarse deste servizo é preciso estar empadroada ou empadroado no Concello de Ames.

Programación da A Aula de Informática do Milladoiro para o último trimestre do ano

Multimedia

  • Programación da A Aula de Informática do Milladoiro para o último trimestre do ano