Pestanas principais

A aula de informática do Milladoiro abre o prazo de inscrición para os cursos de novembro e decembro

Luns, 10 de outubro de 2011

[10-10-2011] A aula de informática do Milladoiro abriu hoxe o prazo de inscrición para as actividades que desenvolverá durante o último trimestre do ano. Todos/as os/as interesados/as en aprender a manexar internet, actividades relacionadas coas novas tecnoloxías ou aprender mecanografía, deberán formalizar a súa solicitude na propia aula de informática do Milladoiro, de luns a venres en horario de 16:00 h. a 20:00 horas. Todos os veciños e veciñas que estean interesados deben darse présa porque as prazas son limitadas.

O programa de novembro e decembro da aula informática do Milladoiro está composto por dous cursos específicos repartidos por meses. No mes de novembro todos os interesados en aprender nocións básicas para navegar pola rede, poderán facelo coa xornada de iniciación á internet que se impartirá do 14 ao 18 de novembro. O horario será a escoller, de 10:00 h. a 11:30 horas, ou de 18:00 h. a 19:30 horas. É un curso gratuíto de sete horas e media que terá un máximo de 10 prazas, para todos os interesados maiores de 18 anos.

O mes de decembro dedicarase aos máis pequenos da casa. Ao longo deste mes os cativos de 5 a 8 anos iniciaranse nas novas tecnoloxías. Este curso desenvolverase os días 15 e 16 de decembro e terá como temática principal o Nadal. Tamén será un curso gratuíto, cun máximo de 10 prazas, pero cun único horario, de 18:00 h. a 19:00 horas.

A informática é unha ferramenta básica para o traballo, os estudos e ata para as relacións sociais. Por esta razón a aula de informática do Milladoiro segue ofrecendo novos cursos para introducir e formar aos veciños e veciñas de Ames, para que poidan aprender a manexar os programas informáticos máis útiles. Pero ademais da oferta formativa, durante as horas de aula aberta, os usuarios/as terán á súa disposición unha aula con programas de mecanografía. Os interesados/as en aprender a escribir máis rápido, as funcións do teclado e a mecanografía en xeral, só teñen que dirixirse á responsable da aula, que lles proporcionarán as instrucións necesarias.

Cursos con prazas limitadas

Para optar a unha das prazas é imprescindible estar empadroado no Concello de Ames. Así mesmo, as prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Terán prioridade as persoas que non realizaron esas mesmas actividades en trimestres anteriores. Estas actividades realízanse co obxectivo de fomentar o acceso ás novas tecnoloxías de todos e todas as persoas que aínda non tiveron a oportunidade de matricularse nalgún dos obradoiros programados anteriormente. Ademais, para resolver calquera outra dúbida ou pregunta, pode comunicarse a través do teléfono 981 535 940 ou vía correo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.org.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "A aula de informática do Milladoiro abre o prazo de inscrición para os cursos de novembro e decembro"