Pestanas principais

A aula de informática do Milladoiro abre o prazo de inscrición para os cursos de abril, maio e xuño

Sábado, 07 de abril de 2012

[07-04-2012] Este luns comeza o prazo de inscrición para acudir aos cursos que se impartirán durante os meses de abril, maio e xuño na aula de informática de Milladoiro. A programación desta aula situada na Casa da Cultura de Milladoiro para a primavera 2012 xa está pechada e dende o día 9 de abril todos aqueles que o desexen poderanse inscribir na propia aula de luns a venres de 16:00h a 20:00h. No mes de abril impartirase un curso para aprender a buscar emprego a través da rede, no mes de maio a aula acollerá un curso de iniciación ás follas de cálculo e para o mes de xuño queda o obradoiro de mecanografía para nenos/as. Os veciños e veciñas de Ames que estean interesados nos cursos deben inscribirse canto antes xa que as prazas son limitadas.

A Aula de informática do Milladoiro xa ten preparada a programación para os meses de abril, maio e xuño. Durante o próximo mes desenvolverase un curso para aprender a buscar emprego a través da rede. Este curso está dirixido a persoas maiores de 18 anos, que teñen uns coñecementos básicos de alfabetización dixital (o que inclúe navegar pola internet e manexar algún procesador de textos). Esta actividade desenvolverase entre o 23 e o 27 de abril, en horario de mañá, de 10:00 h a 11:00 horas, e de tarde, de 18:00 h a 19:00 horas. O obradoiro, que ten unha duración de 5 horas, é gratuíto. Ofértanse 20 prazas (10 para a quenda de mañá e 10 para a quenda de tarde).

No mes de maio desenvolverase un curso de iniciación ás follas de cálculo, que tamén está destinado as persoas maiores de 18 anos con coñecementos básicos en informática o que inclúe manexar algún procesador de textos. Esta actividade desenvolverase entre o 2 e o 31 de maio, en horario de mañá, de 10:00 h a 12:00 horas, e de tarde, de 19:00 h a 21:00 horas. O obradoiro, que ten unha duración de 40 horas, ten un custo de 10 euros. Ofértanse 20 prazas (10 para a quenda de mañá e 10 para a quenda de tarde).

Para o mes de xuño queda o obradoiro de mecanografía para nenos/as. Este curso está dirixido a nenos/as de entre 8 e 12 anos interesados en aprender a manexar un programa de mecanografía. Esta actividade desenvolverase entre o 11 e o 15 de xuño, en horario de 16:00 h a 17:00 horas. O obradoiro, que ten unha duración de 5 horas, é gratuíto. Ofértanse un total de 10 prazas. O prazo para inscribirse nestes tres curso estará aberto a partir do 9 de abril.


Estes curso encádranse nun conxunto máis amplo de iniciativas que leva a cabo anualmente a Aula de Informática do Milladoiro coas que se pretende a alfabetización dixital da veciñanza nun mundo cada vez máis tecnolóxico. A boa acollida é dominante nestas iniciativas que se complementan co emprego libre da aula fóra dos horarios de cursos e obradoiros.

Para optar a unha das prazas é imprescindible estar empadroado no Concello de Ames. Así mesmo, as prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Terán prioridade as persoas que non realizaron esas mesmas actividades en trimestres anteriores. Estas actividades realízanse co obxectivo de fomentar o acceso ás novas tecnoloxías de todos e todas as persoas que aínda non tiveron a oportunidade de matricularse nalgún dos obradoiros programados anteriormente. Para inscribirte nestes cursos ou resolver calquera outra dúbida ou pregunta, poden comunicarse a través do teléfono 981 535 940 ou vía correo electrónico escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.org.

Servizo de Aula Aberta

Por outra banda ofrécese o servizo de Aula Aberta, habitualmente entre as 16:00 e as 20:00 horas, do que poden facer uso dos ordenadores todas as persoas que estean empadroadas no concello. Para poder empregar o servizo de Aula Aberta só hai que cubrir unha ficha cos datos persoais e entregar unha fotografía coa que facer o seu carné de usuario/a. A persoa encargada da aula dálles un número de usuario/a e explícalles as normas. Os usuarios/as poden daquela empregar os ordenadores da aula para o que precisen, como consultar o correo electrónico, ler o xornal, xogar ou procurar información. Ante calquera dúbida poden preguntar o que desexen á persoa responsable. Tamén poden acudir usuarios cos seus ordenadores portátiles persoais a resolver as dúbidas que teñan no manexo da informática.