[19-02-2011] No marco do programa "Visita a espazos naturais de Galicia" organizado pola concellaría de Medio Ambiente do Concello de Ames, o próximo 27 de febreiro terá lugar unha visita guiada aos restos arqueolóxicos e espazos naturais que bordean o conxunto arqueolóxico de Santo Tomé, en Ourense. O prazo de inscrición remata o venres 25 de febreiro e o prezo da visita é de 3 euros por persoa. Recoméndase levar o xantar da casa, así como roupa e calzado cómodo para camiñar.
Todos aqueles aos que lles guste gozar da arqueoloxía e da natureza a un tempo poderán facelo o próximo domingo 27 de febreiro na excursión organizada pola Aula da Natureza na que se fará un percorrido polo conxunto arqueolóxico-natural do lugar de Santo Tomé, en Ourense, no que se atopa un xacemento arqueolóxico galaico-romano inserido nun impresionante monte de carballos que conviven con unha grande variedade de outras especies arbóreas caducifolias.
O prazo para apuntarse remata o venres 25 de febreiro e o prezo é de 3 euros por persoa que deberá ser aboada en calquera sucursal de NovaCaixaGalicia na conta de actividades do Concello. As saídas dende Ames están previstas para as 10:00 horas dende a Praza do Concello en Bertamiráns e para as 10:15 horas dende a Casa da Cultura do Milladoiro.
O punto de encontro en Ourense é o auditorio desta cidade, sito na rúa da Canle número 2. Unha vez chegados a este punto de encontro, dará comezo a ruta ata o Castro de Santo Tomé. Ás 14:00 horas farase unha parada para o almorzo e pola tarde levarase a cabo unha actividade lúdico-didáctica no Castro. Os nenos e nenas que o desexen poderán ir acompañados polas monitoras da Aula da Natureza que acudirán nesta ocasión á visita. Para calquera dúbida ou máis información poden chamar ao número de teléfono da Aula da Natureza -600 004 665- ou á concellaría de Medio Ambiente -981 883 002-.
Castro de Santo Tomé
O conxunto arqueolóxico-natural de Santo Tomé está situado na parroquia de San Bernardo de tibias, a penas a tres quilómetros da cidade de Ourense, ascendendo en paralelo ao curso do río Loina. Nel poderemos contemplar un xacemento romano e vestixios dun antigo castro. Entre os restos arqueolóxicos do conxunto da época galaico-romana datada do século III despois de Cristo destaca a estrutura formada por catro estancias aliñadas cun atrio situado na fachada norte e un patio rectangular. Outra construción curiosa do lugar é a que se correspondería, segundo a documentación dos expertos, cun conxunto de vivendas rurais que presentan curiosas características, como unha escaleira de pedra que indicaría a existencia dun piso superior -algo novo neste tipo de construcións-, ou o sistema de calefacción.
Verbo do castro, hai que destacar que segundo os estudos estivo habitado ata o século II despois de Cristo e, observando as súas características arquitectónicas -pouco escavado, amplos muros de defensa, etc- dánnos unha idea dunha ampla densidade de poboación.
Todo isto rodeado dun exemplo de monte autóctono galego conformado por carballos e outras especies arbóreas caducifolias que dan unha idea do modo de vida en perfecta comuñón coa natureza dos antigos habitantes de Galicia. Ademais, dende o lugar hai unha espectacular vista do val sobre o que se asenta a cidade das Burgas.




