[20-01-2014] A Concellaría de Medio ambiente, a través da Aula da Natureza, ofrécelle un amplo abano de obradoiros e actividades aos diferentes centros de ensino tanto do concello como da comarca de Santiago. Ademais, dende este departamento municipal animan ás direccións dos colexios amienses para que soliciten actividades concretas que sexan de interese para os alumnos/as. Outra opción é que a Aula da Natureza colabore en proxectos que desenvolven os propios colexios. Estas actividades tamén poden ser solicitadas por diferentes asociacións cultuais, ANPAS, centros universitarios, etc. Os interesados poderán participar en obradoiros adaptados a diferentes idades, rutas ambientais, talleres con materiais naturais e reciclados, etc.
A Aula da Natureza ofrécelle aos centros de ensino, ás asociacións e ao alumnado universitario un amplo abano de actividades entre as que se atopan rutas ambientais (ruta de Riamontes, ruta do Tambre, ruta do Regos dos Pasos, ruta pola Senda Verde, etc.); obradoiros adaptados aos niveis de 2º ciclo de educación infantil, 1º, 2º e 3º ciclo de educación primaria e ESO; talleres con materiais naturais e reciclados; e asesoramento de traballos sobre ecosistemas, fauna e flora para o alumnado que cursa estudos de ESO.
Este programa de actividades desenvólvese durante o curso escolar. Este ano a Aula da Natureza está colaborando no desenvolvemento das actividades que realiza o CEIP Agro do Muíño dentro do programa “Móllate polo río Sar”. Trátase de varias actividades que están dirixidas nalgúns casos a todos os cursos e outras específicas para determinadas idades. Dentro destas actividades co CEIP Agro do Muíño enmárcase unha visita á depuradora de Sisalde, que está dirixida ó alumnado de segundo ciclo de primaria (4º, 5º e 6º). O alumnado estará dividido en sete grupos. A través desta actividade os alumnos e alumnas entenderán o proceso de depuración da auga, o volume depurado, os custes de depuración etc.
Maqueta do río Sar
Todos os alumnos/as do CEIP Agro do Muíño irán pasando en diferentes datas pola Aula da Natureza, onde entre todos construirán una maqueta do río Sar, dende o seu nacemento en Santiago ata que abandona as terras de Ames. Nesta maqueta, ademais dos aspectos físicos do río (percorrido, pendente, etc.) amosaranse os núcleos de poboación próximos, igrexas, muíños, pontes... Ademais, todos os nenos e nenas que cursan educación primaria participarán en varias saídas polo río Sar co fin de atopar una especie endémica "o Narciso cyclamineu". Esta actividade presentase como un xogo: "o Tesouro do Sar". Dunha forma divertida os rapaces e rapazas coñecerán a importancia da presencia desta especia no río e os pasos precisos para conservala xa que tende a desaparecer.
Outras das actividades que se desenvolverá co alumnado do CEIP do Agro do Muíño é "Imos o río". Neste caso estará dirixida ao alumnado de infantil, que visitará o paseo fluvial de Bertamiráns, lugar por onde discorre o rego dos Pasos. Deste xeito, coñecerán este afluente do río Sar. Ademais, saberán que é un afluente e os beneficios o inconvenientes de que a auga que leva estea ou non en boas condicións.
Muiñadas
Tamén está previsto realizar unha visita aos muíños de Riamontes e Lamas. No muíño de Riamontes os nenos poderán ver e recoñecer as diferentes partes do muíño, mentres que en Lamas os alumnos/as do CEIP Agro do Muíño verán o muíño moendo. Os rapaces e rapazas poderán cribar algo de fariña de millo, que poderán levar para as súas casas. A través desta actividade os participantes coñecerán a gran importancia social dos muíños en épocas pasadas onde constituía o centro de reunión dos veciños das aldeas próximas.
Por último, os rapaces e rapazas deste centro de ensino participarán en saídas específicas de recollida de lixo e limpeza de canles obstruídas. Tamén participarán en varias xornadas onde os nenos se achegarán ao lavadoiro das Cortes, onde poderán lavar algún pano e clarealo ao sol. Todas estas actividades complementan o traballo que se realiza no propio colexio co obxectivo de achegarlle aos nenos un maior coñecemento do río Sar e da importancia do ecosistema fluvial en xeral.
Actividade realizada no CEIP de Barouta
Por outra banda, o colexio de Barouta tamén solicitou a colaboración da Aula da Natureza para facer unha práctica de recoñecemento do chan do seu horto escolar. Así, a coordinadora da Aula da Natureza recomendoulles recoller terra de dúas zonas diferentes do colexio para elixir a que mellor se adapta para o cultivo. Unha vez a terra estaba seca fixéronse dúas prácticas para determinar cal das dúas mostras era mellor, tanto polo seu contido proporcionado de area/arxila, como pola drenaxe correcta.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El río Sar será el protagonista del Aula da Natureza de Ames"
El Correo Gallego: "A Aula da Natureza organiza un programa de obradoiros dirixido aos centros de ensino de Ames"




