Pestanas principais

A Aula da Natureza organiza un obradoiro de conservación caseira e natural dos alimentos

Mércores, 03 de abril de 2013

[03-04-2013] A Concellaría de Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza, organiza un obradoiro de conservación caseira e natural dos alimentos. Esta actividade estará divida en dúas xornadas. O obradoiro comeza o sábado 6 de abril. Durante o primeiro día explicaranse as distintas causas do deterioro dos alimentos e os método existentes para combatelas. Ademais, coñeceranse aqueles alimentos que se adaptan mellor a cada técnica. A parte práctica desta primeira xornada centrase na conservación mediante azucre. A segunda xornada, que se desenvolverá o sábado 13 de abril, dedicarase ao afumado e á conserva en vinagre. Ademais de charlas explicativas haberá casos prácticos. Estes obradoiros desenvolveranse na Aula da Natureza, en horario de 11:00 h a 13:30 horas.

A programación cultural e deportiva de Primavera inclúe un obradoiro de conservación caseira e natural dos alimentos, que será impartido pola técnica responsable da Aula da Natureza. Esta actividade estará divida en dúas xornadas, que se desenvolverán os sábados 6 e 13 de abril, en horario de 11:00 h a 13:30 horas, na sede da Aula da Natureza, que está situada no lugar de Quintáns, pertencente á parroquia da Ameixenda. Neste obradoiro explicaráselle aos asistentes as causas (físicas e químicas) que provocan o deterioro dos alimentos e o xeitos que existen para evitalo. Os métodos tradicionais e actuais baséanse en minimizar os efectos dos axentes causantes do deterioro dos alimentos.

Este obradoiro xa se realizou durante os meses de outubro e novembro, pero debido ao seu gran éxito de participación volve a repetirse para que todas aquelas persoas que non puideron participar naquel momento poidan facelo agora. Durante o primeiro día explicaranse distintas nocións sobre a conservación con azucre. Primeiro impartirase unha parte teórica na que se explicarán as causas que provocan o deterioro dos alimentos. A continuación, pasarase á parte práctica na que os participantes poderán elaborar marmelada de mandarina, cabelo de anxo e almíbar en diferentes puntos.

Afumado e conservación en vinagre
Por outra banda, a segunda xornada dedicarase ao afumado e a conservación de alimentos en vinagre. Ao ser un obradoiro que está dividido en dúas xornadas, recoméndase asistir os dous días para coñecer as diferentes nocións teóricas e prácticas que se van abordar. En resumo, nesta actividade vaise falar sobre que tipo de alimentos se adapta mellor a cada método de conservación, os motivos e a conveniencia de aplicar métodos de conservación.

Este obradoiro está dirixido ás persoas que teñen a partir de 12 anos. Ofértanse un total de 20 prazas para este obradoiro. Para realizar as inscricións ou ampliar calquera outra información do curso poden poñerse en contacto co Concello de Ames a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número 660 004 665 ou a través do correo electrónico medioambiente@concellodeames.org e do número de teléfono 662 377 544.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "A Aula da Natureza organiza un obradoiro de conservación caseira e natural dos alimentos"