[10-12-2012] A concellería de Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza, organizou para o sábado 15 de decembro un obradoiro de cociña económica de Nadal. Esta actividade desenvolverase a partir das 17:00 horas na sede da Aula da Natureza, que está situada no lugar de Quintáns, pertencente á parroquia da Ameixenda. Neste obradoiro os participantes aprenderán a elaborar un menú de Nadal empregando produtos locais de baixo custo. Ademais, ofrecerase un receitario con varias propostas moi económicas para estas festas e resolveranse todas as dúbidas sobre a cociña de Nadal. Para este obradoiro ofértanse un total de 40 prazas. Este obradoiro de cociña, que está dirixido a persoas maiores de 14 anos, ten un custo de 6 euros.
As datas de Nadal están próximas e nestas festas sempre se goza coa boa gastronomía. Por iso dende o Concello de Ames organizaron un obradoiro de cociña económica para que a veciñanza amiense poida gozar destas festas cun menú rico e ao mesmo tempo que non custe moito diñeiro. O prezo aproximado do menú que se vai elaborar neste obradoiro é de 4 euros por persoa, polo que unha familia de catro persoas terá un menú de Nadal pola módica cantidade de 16 euros, un custo asumible para esta época de crise que se está vivindo.
Este obradoiro será impartido polo cociñeiro Saturnino Gómez Rey, que xa participou no obradoiro de cociña de cogomelos do mes de novembro. Este profesional da cociña aprenderalle aos participantes a elaborar un menú de festa para as datas de Nadal. Nesta actividade búscase a orixinalidade e a facilidade na elaboración do menú. Ademais, empregaranse produtos locais e daranse unha serie de recomendacións para comprar este produtos ao menor prezo posible.
Deste xeito, achegaranse varias alternativas para substituír aqueles produtos do mar que son máis caros por outros que teñen un prezo máis baixo. Tamén se ofrecerán varias receitas para elaborar salsas coas que acompañar carnes ou pescados, que se consumen diariamente, e así realzar a presentación do menú de Nadal. Ademais de aprender a elaborar un menú económico de Nadal, tamén se vai a ofrecer unha ampla variedade de receitas económicas para que os participantes elixan a que mellor se adapta ao seu gusto. O cociñeiro encargado de impartir o obradoiro ofrecerá consellos e responderá a todas as dúbidas que lle plantexen os participantes.
Proceso de inscrición
Esta actividade, que está dirixida a persoas maiores de 14 anos, ten un custo de 6 euros. Ofrécense un total de 40 prazas. A matrícula realizarase cubrindo unha instancia xeral e presentándoa no Rexistro Xeral, acompañada do resgardo do correspondente abono bancario que hai que efectuar no número de conta 2080 5215 38 304 0000054 de Novagaliciabanco.
Para ampliar esta información poden poñerse en contacto coa Aula da Natureza a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número de teléfono 660 004 665 ou coa Concellaría de Medio Ambiente enviando un correo electrónico á dirección medioambiente@concellodeames.org e do número de teléfono 662 377 544.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "A Aula da Natureza organiza un obradoiro de cociña económica para o Nadal"




