Pestanas principais

A Aula da Natureza organiza un curso de horta sostible de setembro a novembro no viveiro municipal

Xoves, 17 de setembro de 2020

A Concellaría de Transición Ecolóxica e do Medio Rural, a través da Aula da Natureza, organiza un curso de horta sostible, que se desenvolverá durante sete sábados dos meses de setembro, outubro e novembro, no viveiro municipal situado en Barouta. Este proxecto enmárcase dentro do programa de actividades que se van desenvolver no viveiro municipal. Este curso íase a desenvolver durante os meses de primavera, pero tivo que ser suspendido debido ao confinamento declarado polo Goberno do Estado. Agora, desenvolverase tendo en conta as normas hixiénico – sanitarias marcadas polas autoridades sanitarias.

A Aula da Natureza organiza un curso de horta sostible de setembro a novembro no viveiro municipal de Barouta. Esta iniciativa enmárcase dentro das actividades que se van integrar dentro deste espazo municipal co obxectivo de mellorar a comprensión da sostibilidade entre a veciñanza amesá. Trátase dun curso práctico con actividades de aula, horta ao aire libre e invernadoiro. Impartirase os sábados 26 de setembro; 3, 10, 17, 24 e 31 de outubro; e 7 de novembro, en horario de 16.30 a 19.30 horas.

Ofértanse un total de 15 prazas. O preso da actividade é de 20 euros por persoa. Por mor da Covid-19 o número de prazas para este curso será limitado. Inicialmente ofertábanse 30 prazas, pero o número reduciuse a 15 debido a dita circunstancia. Ademais, adoptáranse as medidas hixiénico – sanitarias marcadas polas autoridades sanitarias.

No curso os/as participantes farán un seguimento completo dunha horta no propio terreo e aprenderán diversas nocións; porque aboamos a terra e con que?; elaboración de compost e esterco; labores que hai que facer para ter a nosa horta; abancalamentos; protección dos cultivos; planificación dunha horta ao longo das estacións; calendario de cultivos; asociación e rotación de cultivos na nosa horta; tipos e épocas dos semilleiros; sementes e viveiros; coñecer e como abordar as pragas e enfermidades; cultivos de hortalizas; coidados dos diferentes cultivos; rega:podas; pinzados; e entutorados...

As persoas que se inscriban nesta actividade deberán estar o primeiro día do curso, o sábado 26 de setembro, ás 16.30 horas, diante do CEIP de Barouta. Dende este punto de encontro desprazaranse ata as instalacións do viveiro municipal. Para obter máis información e inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. As inscricións poderanse facer ata o xoves 24 de setembro.

 

Cartel curso de horta sostible.

Multimedia

  • Cartel curso de horta sostible.