Pestanas principais

A Aula da Natureza organiza un curso de horta sostible de marzo a xuño no viveiro municipal

Mércores, 04 de marzo de 2020

A Concellaría de Transición Ecolóxica e do Medio Rural, a través da Aula da Natureza, organiza un curso de horta sostible, que se desenvolverá durante seis sábados dos meses de marzo, abril, maio e xuño, no viveiro municipal situado en Barouta. Este proxecto enmárcase dentro do programa de actividades que se van desenvolver no viveiro municipal. Ademais, o Concello vén de solicitar unha axuda para acondicionar estas instalacións co obxectivo de integrar diferentes actividades nun mesmo espazo para unha mellor comprensión da sostibilidade.

A Aula da Natureza organiza un curso de horta sostible de marzo a xuño no viveiro municipal de Barouta. Esta iniciativa enmárcase dentro das actividades que se van integrar dentro deste espazo municipal co obxectivo de mellorar a comprensión da sostibilidade entre a veciñanza amesá. Trátase dun curso práctico con actividades de aula, horta ao aire libre e invernadoiro. Impartirase os sábados 14 e 28 e marzo; 18 de abril; 9 e 23 de maio; e 6 de xuño, en horario de 16.30 a 20.30 horas. Ofértanse un total de 30 prazas. O preso da actividade é de 20 euros por persoa.

No curso os/as participantes farán un seguimento completo dunha horta no propio terreo e aprenderán diversas nocións; porque aboamos a terra e con que?; elaboración de compost e esterco; labores que hai que facer para ter a nosa horta; abancalamentos; protección dos cultivos; planificación dunha horta ao longo das estacións; calendario de cultivos; asociación e rotación de cultivos na nosa horta; tipos e épocas dos semilleiros; sementes e viveiros; coñecer e como abordar as pragas e enfermidades; cultivos de hortalizas; coidados dos diferentes cultivos; rega:podas; pinzados; e entutorados...
    
As persoas que se inscriban nesta actividade deberán estar o primeiro día do curso, o sábado 14 de marzo, ás 16.30 horas, diante do CEIP de Barouta. Dende este punto de encontro desprazaranse ata as instalacións do viveiro municipal. Para obter máis información e inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 660 004 665.

Acondicionamento do viveiro municipal
O Concello de Ames pretende levar a cabo a remodelación do viveiro municipal co obxecto de dotar de contido didáctico e recreativo as antigas instalacións do devandito viveiro. Deste xeito, preténdese dispor dun espazo sostible onde se integren áreas de compostaxe, áreas de horta escolar, horta terapéutica e zona de horta adaptada a necesidade especiais. A si mesmo este novo espazo abrangue zonas de aviveirado e cultivo forestal, proxectos de mantemento de variedades autóctonas de froiteiras e programas escolares de recuperación de especies.

Neste espazo preténdense realizar as seguintes actividades: creación dunha área de horta escolar; creación da área de horta para persoas con mobilidade reducida; viveiro forestal; colección de froiteiras da comarca; plan municipal de recuperación de sobreiras e mellora da área de compostaxe. Os traballos de acondicionamento do viveiro municipal de Barouta terían un custo de preto de 40.000 euros, para o que se solicitou unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2020.

Centro de compostaxe municipal
Anos atrás o viveiro municipal de Barouta estivo destinado á produción de planta ornamental para os parques e xardíns do concello, actividade que xa non se realiza na actualidade. Dende o ano 2019 estas instalacións albergan o centro de compostaxe dos restos orgánicos xerados nos comedores escolares municipais, proxecto realizado baixo o abeiro da subvención PIMA residuos 2017 e inaugurado o 24 de xaneiro de 2019. Para isto creouse unha zona de compostaxe con chan delimitado e con sistema de drenaxe sobre o que se instalaron 6 composteiros de 800 litros cada un.

De xaneiro a xuño de 2019 os composteiros asumiron  9 toneladas de residuos sen problemas de cheiros nin contaminación. Tendo en conta que a tonelada de residuos supón un custe de 80 euros máis a recollida, aforráronse aproximadamente 720 euros en 6 meses. Ademais, hai que sumarlle a creación de emprego local que supón. O abono así xerado emprégase nas hortas urbanas municipais xardín e hortos dos centros docentes do concello e faise tamén un reparto entre os veciños do concello.

Cartel do curso de horta sostible

Multimedia

  • Cartel do curso de horta sostible
  • Imaxe do centro de compostaxe municipal