Pestanas principais

A Aula da Natureza organiza polo Nadal tres novas actividades para todos os públicos

Luns, 12 de decembro de 2022

A Aula da Natureza organiza, dentro da programación de Nadal do Concello de Ames, tres novas actividades: unha observación astronómica, que se celebrará este sábado, 17 de decembro, un obradoiro de postais de Nadal con material natural, que terá lugar o domingo 18, e un campamento de natureza, entre o 27 e o 30 de decembro. Os interesados en participan deben inscribirse previamente, e para máis información pódese escribir ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 660 00 46 65.

A actividade astronómica, promovida pola Deputación da Coruña, terá lugar este sábado, 17 de decembro, no pavillón do CEIP Agro do Muíño, e estará aberta a todos os públicos. Dará comezo a partir das 9:00 horas, coa exposición “El Legado de Ellas”. A continuación, ás 9:30, comezarán a desenvolverse diversas sesións de PlanetariumMobile, que terán unha duración de 30 minutos cada unha e acollerán a un máximo de 30 usuarios por cada pase. Ás 10:00 horas terá lugar un obradoiro de elaboración de planisferio celeste. Para rematar as actividades en horario de mañá celebraranse a partir das 12:30 horas sesións de 7 minutos de realidade virtual, nas que poden participar, como máximo, 12 usuarios por cada reprodución.

Xa pola tarde, de 20:00 a 24:00 horas, terá lugar a actividade de astronomía nocturna, na que os asistentes recibirán unha descrición mitolóxica sobre a orixe do universo e observarán as distintas constelacións. As inscricións, neste caso, non se dirixirán á Aula da Natureza, senón que deben facerse escribindo ao enderezo electrónico ames@astroemociones.es ou chamando ao número 672 62 93 08.

O domingo, 18 de decembro, celebrarase o obradoiro de postais de Nadal, enfocado á rapazada de entre 6 e 16 anos. Será na Aula da Natureza, no lugar de Quintáns (Ameixenda), de 10:30 a 14:00 horas, e ofrecerase un servizo de autobús para todos os asistentes. Neste caso, o prazo de inscricións está aberto dende hoxe, luns 12, ata o vindeiro sábado, día 17 de decembro. Para participar é necesario descargar e cubrir a seguinte ficha e enviala ao correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

Para finalizar, do 27 ao 30 de decembro terá lugar o campamento de natureza, tamén para rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos. Neste caso, o horario será os catro días de 11:00 a 18:00 horas, e celebrarase novamente na Aula da Natureza (con servizo de autobús). Os asistentes crearán decoración sostible de Nadal e xoiaría primitiva, e tamén poderán desfrutar de actividades de cociña e de xogos e de saídas pola contorna de Aula. Hai un límite de 30 prazas, polo que tamén é necesario inscribirse enviando a ficha que se pode atopar premendo nesta ligazón ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

A Aula da Natureza ofrece tres novas actividades para rematar o ano

Multimedia

  • A Aula da Natureza organiza polo Nadal tres novas actividades para todos os públicos