Pestanas principais

A Aula da Natureza ofrece unha completa programación micolóxica para o outono

Venres, 14 de outubro de 2016

[14-10-2016] Nestes meses de outono a Aula da Natureza de Ames propón unha serie de actividades relacionadas coa micoloxía. Nos meses de outubro, novembro e comezos de decembro terán lugar unha charla, varias saídas, un curso de cultivo de cogomelos e outro para aprender a cociñalos e conservalos. Todas as actividades teñen prazas limitadas, polo que será precisa a previa inscrición no teléfono 660004665 ou no enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

A afección polos cogomelos en Ames é grande, “comprobamos que vai a máis, que gusta”. A técnica municipal de Medio Ambiente, Patricia Reboreda, explica que ao fío do gran número de afeccionados/as ás setas ou os champiñóns na Aula da Natureza “apostamos por unha programación máis completa en torno á micoloxía”. No mes de outono o departamento de Medio Ambiente organiza unha charla, dúas saídas en busca de cogomelos, un obradoiro para aprender a conservalos e outro sobre o seu cultivo. Agás a charla, que non ten límite de prazas, todas as actividades precisan de inscrición previa. Esta xa está dispoñible para todas as actividades do trimestre e pode facerse chamando ao 660 004 665 ou enviando un correo a auladanatureza@concellodeames.gal.

Esta mesma fin de semana terán lugar as dúas primeiras actividades desta programación de outono. Hoxe, día 14 de outubro, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle a partir das 20:00 horas unha charla-coloquio de iniciación aos cogomelos. “É bastante útil contar cunha charla de iniciación”. É tamén un xeito, explica a técnica de Medio Ambiente, “de ir sumando persoas ás actividades”. Nela explicaranse coñecementos básicos da estrutura dos cogomelos e “das diferencias entre eles”. Para esta e o resto de actividades a Aula da Natureza conta coa colaboración da empresa Arenaria Comunicación e dos seus expertos.

A charla pódese complementar coa saída deste sábado, 15 de outubro, para a que se ofrecen 50 prazas, das que 30 xa están cubertas. “Temos varias zonas seleccionadas, pero o máis seguro é que nos despracemos preto de Rois ou Padrón”. Un autobús conducirá ás persoas inscritas ata o lugar da recollida. Sairá ás 9:30 horas da praza do Concello, en Bertamiráns, e fará unha parada na Casa da Cultura do Milladoiro ás 9:40 horas. Durante o paseo o grupo aprenderá, da man dun monitor, a diferenciar distintos tipos de cogomelos. Os lugares escollidos foron seleccionados “buscando máis a variedade que a cantidade” de fungos.

Lémbrase ás persoas inscritas que deberán levar calzado e vestimenta axeitados, unha navalla para cortar os cogomelos e “recoméndase levar unha cesta, en vez de bolsas de plástico, iso sería o ideal”. Deste xeito, explica Patricia Reboreda, “as esporas que soltan os fungos caen de novo ao monte” e poden brotar. Ademais a cesta impide que os cogomelos se humedezan en exceso.

Aqueles e aquelas que non poidan participar nesta saída teñen a oportunidade de inscribirse na que terá lugar o sábado 12 de novembro, coincidindo coa Festa do Magosto de Ames. A busca de fungos realizarase pola mañá, buscando conseguir a maior variedade de tipos posible “para clasificalos e exhibilos durante a festa”.
Esta é “a saída clásica” coa que se colabora sumando ao reparto de castañas, bolos preñados, e á música unha charla explicativa sobre cogomelos á veciñanza.
As saídas contan con 50 prazas cada unha. Non están dirixidas exclusivamente ao público adulto, senón que supoñen unha boa oportunidade para facer unha excursión “en familia ou coas amizades”.

Obradoiros de cociñado e conservado e de cultivo de cogomelos
A programación micolóxica da Aula da Natureza complementarase ademais con dous obradoiros. Un dirixido a aquelas persoas que queiran cultivar os seus cogomelos na casa e outro para aprender a cociñalos e conservalos. Lémbrase que para estas actividades tamén é precisa a inscrición previa, xa sexa chamando ao 660 004 665 ou enviando un correo a auladanatureza@concellodeames.gal.

O primeiro terá lugar o sábado 5 de novembro na propia Aula da Natureza, situada na aldea de Quintáns, na parroquia de Ameixenda. Este obradoiro dispón de 20 prazas e está organizado para o público adulto. A actividade comezará ás 16:30 e rematará ás 19:30 horas.

O sábado 3 de decembro a Aula da Natureza volve acoller outro curso, sendo este o último da programación micolóxica outonal. Desta volta as 30 persoas asistentes aprenderán a cociñar e a conservar os seus cogomelos. Comezará ás 17:00 e rematará ás 20:00 horas. Está dirixido a persoas maiores de 16 anos.