[26-09-2016] A Aula da Natureza de Ames abre o prazo de inscrición para dúas actividades que comezarán este sábado, 1 de outubro. Tanto no curso de fotografía natural como no cursiño de fruticultura hai vinte prazas dispoñibles. As persoas que queiran solicitar máis información, ou inscribirse nalgunha destas actividades, pode chamar ao número 660004665 ou enviar un corro electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.
Para este mes de outubro a Aula da Natureza amesá ofrece dous cursos, un de fotografía natural e outro de fruticultura. O curso de fotografía impartirase na propia Aula da Natureza os días 1, 29 e 30 de outubro en horario de 16:00 a 20:00 horas, e está dirixido a persoas maiores de 16 anos. A actividade de fruticultura desenvolverase entre a propia Aula da Natureza e as fincas nas que se realizarán os exercicios prácticos. Terá lugar os días 1, 16 e 22 de outubro e 3, 5 e 12 de novembro, en horario de 10:00 a 13:00 horas. Deste obradoiro poderán participar persoas adultas.
O obradoiro de fotografía natural correrá a cargo da fotógrafa Mónica Vila. Ao longo da parte teórica percorrerá as propiedades de cada unha das modalidades da fotografía da natureza: a fotografía paisaxística, a fotografía de fauna e a de flora. A medida que vai propoñendo exercicios prácticas Mónica explicará os retos que poden ir xurdindo a medida que se programa unha sesión fotográfica, o material axeitado para os distintos tipos de modalidades ou técnicas compositivas e de iluminación.
A fotografía natural é un xeito diferente de descubrir, a través da lente, o medio que nos arrodea. Unindo a afección pola fotografía coa observación da flora e da fauna. Este obradoiro servirá tanto para aquelas persoas que se queiran iniciar na fotografía de natureza como aquelas que queiran adquirir pautas de traballo. Ao final do curso realizarase unha saída práctica a unha localización de particular interese natural no Concello de Ames. Aínda que o recomendable é acudir cunha cámara réflex esta non é estritamente necesaria. Recoméndase ademais levar ás clases todos os complementos fotográficos dos que se dispoña.
A actividade de fruticultura está encarada á formación básica de persoas interesadas neste tipo de cultivo. A parte teórica do curso impartirase na Aula da Natureza, desprazándose as leccións ás fincas, escollidas polas especies que acollen, para levar a cabo as prácticas. As sesións incluirán os criterios para a escolla de especies a plantar, a confección dun calendario de traballos, leccións sobre fertilidade, análise do solo ou tipos de poda en función da especie. Abordaranse así mesmo as pragas e enfermidades que poden sufrir as distintas especias, os tratamentos de inverno ou a elaboración de produtos fitosanitarios a partir de ingredientes vexetais.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "La Aula da Natureza abre en octubre los cursos de fotografía y fruticultura"




