Pestanas principais

A Aula da Natureza de Ames organiza este venres unha acampada para descubrir a fauna nocturna da contorna

Mércores, 17 de outubro de 2018

[17-10-2018] De cara ao curso 2018-19, a Aula da Natureza do Concello de Ames pon en marcha os programas Variedade é Vida - Vida é Variedade (VéV) e Noites na natureza para achegar a natureza aos veciños e veciñas. Esta programación dará comezo o vindeiro venres, 19 de outubro, cunha acampada e ruta polo monte de San Marcos para observar o comportamento da fauna nocturna, dirixida a nenos/as de entre 8 e 12 anos. Para participar en calquera das actividades organizadas pola Aula da Natureza é necesario inscribirse enviando o formulario –que se pode atopar baixo o apartado de descargas desta nova– ao enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

Esta iniciativa ten como obxectivo amosar que a vida e a variedade están unidas de maneira intrínseca. Así, a variedade xenética e a adaptación que os seres vivos realizaron e realizan ao longo de miles de anos ten como resultado as especies que hoxe conviven no noso planeta, nunha gran variedade de condicións e ecosistemas. Deste xeito, esta iniciativa busca non só que os participantes se acheguen á natureza, senón tamén axudalos a reflexionar sobre a variedade, que é o que da riqueza á vida, polo que debe ser respectada.

O primeiro contacto con este programa realizarase este outono a través das saídas temáticas “Vida nas covas” os días 3 e 4 de novembro, nas que se visitarán as covas das Choias e a do Rei Cintolo; “Vida no monte” o domingo 11, na que se gozará de Ponte Arados sobre o lombo dos cabalos; e “Vida no aire”, na que se realizará unha saída ornitolóxica ao espazo natural do encoro Abegondo-Cecebre o domingo 18 de novembro.

A través desa e outras actividades, iráselles mostrando aos participantes temas como a vida en chemineas submarinas a 200 ºC de temperatura ou ambientes radioactivos, vida no Ártico e na Antártida, vida a escuras ou a vida nocturna, entre outros.
Despois desta ruta e acampada para observar a vida animal no monte San Marcos, o venres 26 e o sábado 27 de outubro, realizarase outra ruta e acampada na Aula da Natureza. Nesta ocasión, a actividade irá dirixida a mozos/as de entre 12 e 16 anos, e xirará en torno á temática espartana, aos seus mitos e lendas, e realizarase unha Espartan Race.

A través do programa Noites na natureza, o Concello de Ames realizará diversas actividades en réxime de acampada colaborativa destinadas a distintos rangos de idade. Deste xeito, os participantes non só realizarán exercicios e xogos de temática ambiental acordes á súa idade, senón tamén tarefas comúns que faciliten a estadía, o que favorecerá a participación e implicación dentro do grupo.
Co obxectivo de dar a coñecer o medio natural entre os veciños e veciñas de Ames, así como comprender e reflexionar sobre o importante que é o medio ambiente para todos os ámbitos do ser humano, a Aula da Natureza organiza para o curso 2018-19 os programas Variedade é Vida - Vida é Variedade (VéV) e Noites na natureza.

A primeira das actividades programadas para o último trimestre do 2018 será a única que se encadrará tanto no programa Noites na natureza como no VéV. Esta consistirá nunha acampada e ruta polo monte San Marcos para descubrir a fauna animal da zona os días 19 e 20 de outubro, destinada a rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos. Recomendase que os participantes leven roupa cómoda, unha prenda de abrigo, saco de durmir e un chándal ou prendas de durmir, esterilla en caso de tela e unha pequena mochila coa cea para o venres.

Así, para acudir á Aula da Natureza ese venres, un autobús recollerá aos nenos/as ás 17.30h na casa da Cultura de Milladoiro e ás 17.45h na praza do Concello de Bertamiráns. Unha vez na Aula, os participantes e monitores realizarán unha serie de xogos de presentación e recoñecemento do espazo para, despois, montar as tendas de campaña e formar a área de acampada. Arredor das 20.00h, iniciarase a ruta ata o monte San Marcos.

Os rapaces e rapazas, guiados polos monitores, levarán reclamos de aves e luces vermellas, o que lles fará máis fácil ver o movemento dos animais do monte á hora crepuscular, unha das máis indicadas para este tipo de observación. Unha vez alí, os participantes tomarán a cea que cada un levou mentres miran a caída da noite e a vida animal. Unha vez rematada a ruta, retomarase o camiño de volta ao campamento, onde os nenos/as tomarán algo quente mentres comparten as súas impresións para, finalmente, descansar nas súas tendas.

O sábado, despois de gozar dun almorzo ofrecido polo concello, os rapaces/as farán unha actividade artística, recollerán o campamento e, arredor das 12.00h, voltarán a casa.
Se ben as prazas para participar na acampada do venres 19 e o sábado 20 xa están cubertas, para acudir a calquera das outras actividades é necesaria a inscrición previa. Así, a solicitude de praza deberáse facer enviando a ficha que se pode atopar baixo o apartado de descargas desta nova ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. É importante cubrir todos os datos que aparecen na ficha, en especial aqueles recollidos no apartado de alerxias, enfermidades e intolerancias alimenticias.

Pódese obter máis información sobre as iniciativas organizadas pola Aula da Natureza do Concello de Ames chamando ao número de teléfono 660 00 46 65, en horario de 9:00h a 14:00 horas.

Contido relacionado


Amsgo: "Aula da Natureza do Concello de Ames pon en marcha os programas Variedade é Vida – Vida é Variedade (VéV) e Noites na natureza"
Compostela 24 horas: "Acampada nocturna en Ames grazas á Aula da Natureza"