[20-02-2019] De cara a esta primavera, a Aula da Natureza de Ames organiza diversas actividades destinadas a todas idades, co obxectivo de dar a coñecer o medio natural entre os veciños e veciñas de Ames, así como comprender e reflexionar sobre o importante que é o medio ambiente para todos os ámbitos do ser humano. Nesta primeira metade do ano realizaranse obradoiros, acampadas e continuarase a desenvolver o programa Variedade é Vida - Vida é Variedade (VéV), que arrincou o pasado ano. Para participar en calquera das actividades organizadas pola Aula da Natureza é necesario inscribirse enviando o formulario dispoñible baixo o apartado de descargas desta nova ao enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.
As primeiras actividades que a Aula da Natureza desenvolverá de cara á primavera amesá encádranse no programa VéV, e xirarán en torno á vida a baixas temperaturas. Así, este sábado, 23 de febreiro, realizarase un obradoiro onde os rapaces experimentaran cos puntos de conxelación da auga e de algunhas proteínas, para comprender o que posibilita a adaptación dalgúns animais e vexetais ao frío. O domingo, por outra banda, tentarase atopar algún lugar nevado próximo a Ames onde, dun xeito lúdico, os cativos e cativas seguirán aprendendo da vida baixo cero. Ambas actividades están destinadas a 25 rapaces e rapazas de 6 a 12 anos. De non ter este domingo as condicións meteorolóxicas axeitadas, a saída á neve quedará aprazada.
Este mesmo domingo comeza tamén un curso de horta sostible nas instalacións da Aula da Natureza, en horario de 11.00 a 13.00h. Dirixida a un público adulto, a formación comprende un total de 6 sesións, que se impartirán domingos alternos dos meses de febreiro, marzo e abril, no horario que acorden monitores e alumnado. Cada sesión terá unha duración aproximada de 2 horas, aínda que nas sesións que se realicen prácticas durarán arredor de 3 horas. A participación nesta actividade está limitada a 20 prazas. Esta actividade está dirixida a persoas adultas, pero poden acudir acompañadas de nenos/as.
O público adulto tamén poderá desfrutar o vindeiro 23 de marzo, entre as 11.00 e as 13.00h, dunha segunda parte do obradoiro de perfumes impartido en novembro. Así, este taller versará sobre a elaboración de esencias e perfumes naturais, no que os participantes poderán coñecer as esencias, o seu mantemento e como mesturalas para elaborar fragrancias. Ademais, tamén se lles ensinarán as distintas partes da planta que se empregan para extraer aromas e en que consisten as diversas técnicas de destilación.
Por outra banda, a programación destinada aos mais pequenos inclúe tamén unha acampada na Aula da Natureza, que terá lugar os días 6 e 7 de abril. Esta acampada, que se consolida na programación anual coa celebración da súa terceira edición, estará orientada a coñecer as primeiras interrelacións do home co medio natural, mediante actividades temáticas centradas na prehistoria.
Variedade é vida – Vida é variedade (VéV)
Esta iniciativa ten como obxectivo amosar que a vida e a variedade están unidas de maneira intrínseca. Así, a variedade xenética e a adaptación que os seres vivos realizaron e realizan ao longo de miles de anos ten como resultado as especies que hoxe conviven no noso planeta, nunha gran variedade de condicións e ecosistemas. Así, esta iniciativa busca non só que os participantes se acheguen á natureza, senón tamén axudalos a reflexionar sobre a necesidade de aceptar a variedade no senso máis amplo da palabra para conseguir acadar o 100% das posibilidades de vida, ao mostrar que a variabilidade xenética é motor da evolución.
Con este obxectivo, nos vindeiros meses realizaranse tres bloques temáticos ao abeiro de VéV, cada un deles organizados en dúas sesións: un obradoiro que se desenvolve na Aula da Natureza e unha saída didáctica. Ambas actividades están dirixidas a rapaces e rapazas de 6 a 12 anos, polo que se buscarán os símiles mais sinxelos para amosar os mecanismos da selección natural e a deriva xenética que dan lugar a formas de vida adaptadas aos ambientes máis extremos e diversos.
Así, despois do bloque centrado na vida a baixas temperaturas, que terá lugar esta fin de semana, realizarase un segundo sobre a vida a altas temperaturas. Esta actividade impartirase o sábado 9 e o domingo 10 de marzo. O obradoiro está dirixido a nenos/as de 6 a 12 anos, mentres que a saída as Termas de Ourense está aberta a todos os públicos ata completar as 50 prazas ofertadas.
Alén, en maio organizarase o terceiro bloque, nesta ocasión centrado na vida baixo a auga. Mediante un obradoiro, impartido o sábado 4, e dúas saídas á Illa de Arousa, os días 5 e 25 do mesmo mes, os participantes poderán aprender sobre aqueles mecanismos adaptativos que permiten que moitos grupos animais poidan vivir somerxidos ou alternando a vida na auga e na superficie. Deste modo, veranse formas de alimentación e respiración específica de invertebrados e vertebrados acuáticos, os desprazamentos en diferentes grupos de vertebrados e as cubertas de caparazóns e escamas presentes en moitos grupos. A excursión do día 5 leva como título “Mergullo a pulmón”, e está destinada a nenos/as de 6 a 12 anos mentres que, a do sábado 25, “Bautismo de mergullo con botellas” dirixirase en mozas e mozos de 13 a 18 anos.
Inscrición previa
O prazo de inscrición para participar nas actividades organizadas pola Aula da Natureza durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio xa está aberto. Para reservar praza nalgunha delas deberase enviar a ficha que se pode atopar baixo o apartado de descargas desta nova ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. É importante cubrir todos os datos que aparecen na ficha, en especial aqueles recollidos no apartado de alerxias, enfermidades e intolerancias alimenticias.
Pódese obter máis información sobre as iniciativas organizadas pola Aula da Natureza do Concello de Ames chamando ao número de teléfono 660 00 46 65, en horario de 9:00h a 14:00 horas.