[08-06-2012] Alumnos do máster de Biodiversidade e conservación do medio natural da Universidade de Santiago de Compostela participaron nunha sesión de prácticas na Aula da Natureza de Ames, que está situada na parroquia de Ameixenda. Estas prácticas enmárcanse dentro das clases interactivas da materia de Biodiversidade e conservación de macrobentos das augas continentais (sistemas acuáticos). O alumnado recolleu mostras en varios regatos nos concellos da Serra de Outes e Ames (en Augapesada e Riamontes), para posteriormente analizar a composición dos macrobentos nas instalacións da Aula da Natureza. Esta actividade estivo coordinada entre o profesor da USC, Marcos A. González, e a coordinadora da Aula da Natureza.

Nunha visita realizada a comezos do mes de febreiro o alumnado que participa neste máster puido coñecer as instalacións da Aula da Natureza e presentaron varios traballos de distintas temáticas, coma “A biodiversidade da mata atlántica” ou “Os lemúridos de Madagascar”. O director e profesor do máster, Carlos Otero, explica que a materia do curso se divide en clases teóricas e un traballo relacionado coa biodiversidade cuxa temática pode ser elixida libremente polos alumnos.
A Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Ames, que dirixe María Eugenia Martín, está traballando para que as universidades galegas e outras entidades teñan en conta a Aula da Natureza de Ames coma unha entidade medio ambiental coa que poden contar para diferentes actos. Previsiblemente, a Aula da Natureza será sede de cursos de verán da USC e de charlas de temática relacionada co medio ambiente e co desenvolvemento sostible.

Os alumnos/as do máster de Biodiversidade e conservación do medio natural, dependente do departamento de Zooloxía e Antropoloxía Física da USC, realizaron unha sesión de prácticas nas instalacións da Aula da Natureza. O alumnado recolleu mostras en varios regatos nos concellos da Serra de Outes e Ames (en Augapesada e Riamontes), para posteriormente analizar a composición dos macrobentos nas instalacións da Aula da Natureza co fin de coñecer as súas características morfolóxicas, etolóxicas e ecolóxicas.
Ademais, a través desta actividade o alumnado valorou o estado de coñecemento, singularidade e valor de conservación da fauna ibérica, dedicando unha especial atención á fauna galega; e dispuxo dunha panorámica dos factores que inciden de forma negativa sobre a nosa fauna de macroinvertebrados. O principal obxectivo desta sesión de prácticas foi coñecer as principais técnicas de recolección, separación en vivo, conservación e identificación dos grupos máis representativos das augas continentais galegas.





