Pestanas principais

A Aula da Natureza acolle este sábado o terceiro obradoiro do programa Chocolate na horta

Luns, 07 de maio de 2012

[07-05-2012] A Concellaría de Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza, desenvolve o vindeiro sábado 12 de maio o terceiro obradoiro do programa Chocolate na horta, que está dirixido a nenos/as e pais/nais. Esta actividade tratará sobre o coidado e a prevención de pragas e a sementeira de cultivos. A través destes obradoiros a Aula da Natureza dará a coñecer os diferentes traballos de horta que se poden desenvolver en primavera. Todos os nenos/as pais/nais que desexen asistir ao obradoiro do vindeiro sábado 12 de maio terán que chamar ao teléfono da Aula da Natureza 660 004 665, á concellaría de Medio Ambiente 662 377 544 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org.

A Aula da Natureza da Ameixenda acolle este sábado, 12 de maio, o terceiro obradoiro do programa de actividades Chocolate na horta, que se desenvolve repartido en catro sesións ao longo dos meses abril, maio e xuño. Este obradoiro tratará sobre a prevención de pragas e a sementeira de cultivos. Os participantes coñecerán diferentes preparados naturais que axudan a combater as pragas, así como a evitar que medren herbas non desexadas. Deste xeito, prepararán diversos produtos como a infusión de estruga que axuda a combater as pulgas, a infusión de lavanda e macela que actúa como repelente de insectos ou o alcol con allo. Algúns deste preparados xa os aplicarán ese mesmo día, pero outros terán que aplicarse uns días despois porque é preciso que estean varios días macerando.

Outra das actividades que realizarán será a sementeira de cultivos que teñen o froito baixo a terra como é o caso da cebola, as patacas e a remolacha. Ao mesmo tempo tamén se comprobará o estado de xermolación das sementes cultivadas o pasado 28 de abril. Arredor de 20 nenos/as participaron no segundo obradoiro sobre os traballos de horta en primavera. Os participantes puideron coñecer as nocións básicas para sementar, o importante papel dos insectos na polinización, os tipos de sementeiras e os marcos de plantación.

Por último, os rapaces e rapazas poderán elaborar un maceteiro a partir dun cartón de leite para que poidan levar para as súas casas algunhas das plantas sementadas na horta da Aula da Natureza. O obradoiro desenvolverase en horario de mañá, entre as 10:30 e as 13:30 horas. Aínda que os obradoiros comezan ás 10:30 horas, as persoas que non poidan chegar a esta hora poden incorporarse máis tarde. A media mañá farase un pequeno descanso para repoñer forzas cun chocolate quente.

As persoas interesadas deberán anotarse chamando ao teléfono da Aula da Natureza 660 004 665, á concellaría de Medio Ambiente 662 377 544 ou enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org. O prazo de inscrición para o terceiro obradoiro remata o venres día 11 de maio ás 14:00 horas. A actividade será totalmente gratuíta.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A aula da natureza de Ames acolle o obradoiro chocolate na horta"