[05-11-2011] Dende o 4 ao 29 novembro a Aula da Natureza, acollerá a exposición sobre o cambio climático “O noso mundo, o noso futuro a nosa opción”. O Concello de Ames, a través da concellería de Medioambiente organiza visitas guiadas tódalas mañás laborables para grupos organizados e tamén terá aberta ao público xeral a aula os venres de 17.00 a 20.00 horas, e os sábados de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. A visita estará guiada por un técnico de Medioambiente. Esta exposición está baseada no proxecto CLARITY -Acción Educativa por el Clima- que pretende contribuír ao coñecemento do fenómeno do cambio climático, as súas causas e as respostas que se están propoñendo para facerlle fronte.
Moitas actividades que realizamos na nosa vida cotiá provocan, directa ou indirectamente, emisións de gases efecto invernadoiro, e polo tanto contribúen a un dos principais problemas ambientais deste século: o cambio climático. A subida do nivel do mar, as vagas de calor, tormentas, inundacións... son algunhas das consecuencias que previsiblemente provocará a aceleración do cambio climático. Nas nosas mans está impedir que isto aconteza, pero é preciso que todos os sectores sociais se involucren na loita contra este fenómeno global. Tamén cabe dicir que a temática do cambio climático é complexa, e como consecuencia hai unha gran confusión sobre el por parte da cidadanía. Con esta exposición preténdese dar a coñecer aos amienses o problema ambiental do cambio climático, informando sobre as súas causas e consecuencias a nivel global e tamén en Galicia.
A Concellería de Medioambiente trae esta exposición a Ames para potenciar a difusión da realidade do cambio climático e as súas consecuencias a curto, medio e longo prazo e para dar a coñecer as medidas que cada quen individualmente pode adoptar para contribuír na desaceleración do mesmo. A exposición consta de 19 paneis que tratan de xeito amplo distintos aspectos do tema do cambio climático, tamén ten unha proxección audiovisual e módulos interactivos nos que por exemplo se pode calcular cantas emisións se evitan collendo a bicicleta en lugar do coche. A exposición intenta estimular a participación e reflexión dos visitantes propoñendo novos comportamentos comprometidos e accións positivas co clima que loiten contra o cambio climático e fomenten un desenvolvemento máis equilibrado, social e ambientalmente.
As consecuencias da aceleración do cambio climático poden provocar importantes custos ambientais, sociais e económicos que condicionarán o noso desenvolvemento. De no concienciar á cidadanía para que contribúa con boas prácticas á desaceleración do cambio, este pódese converter nunha ameaza para a supervivencia dos seres vivos.
Os centros de ensino poderán visitala
Os centros de ensino poderán solicitar unha visita guiada á exposición en horario de luns a venres de 09.00 horas a 14.00 horas; principalmente os destinatarios desta exposición son os rapaces e rapazas de 4º, 5º e 6º de primaria, e os de todos os cursos da ESO e Bacharelato.
Para máis información, ou para reservar hora para visita pódese chamar ao número de teléfono 660004665 ou enviar un correo electrónico á dirección auladanatureza@concellodeames.org.




