Pestanas principais

A Aula da Natureza achega o medio ambiente e o monte atlántico aos nenos e nenas de Ames

Sábado, 16 de marzo de 2019

[16-03-2019] O alumnado dos CEIP de Barouta e do Agro do Muíño, así como do CEP de Ventín, están a realizar unha serie de actividades organizadas pola Aula da Natureza de Ames durante este primeiro semestre do ano. A través destas iniciativas, que engloban obradoiros, andainas e actividades relacionadas coa flora e a fauna, a Concellaría de Medio Ambiente busca achegarlle a natureza aos cativos e cativas do concello dunha maneira lúdica e divertida. As actividades están adaptadas segundo a idade dos participantes, que cursan dende infantil ata o 4º de primaria.


Máis do 68% da poboación de Ames reside nos dous principais núcleos de poboación do concello, Milladoiro e Bertamiráns. Deles, un alto número son cativos e cativas que, non futuro, serán os encargados de velar polo coidado do medio natural. Para achegarlle a natureza a esta importante cota de poboación amesá, a Aula da Natureza está a organizar unha serie de actividades mediante as que o alumnado dos colexios de Barouta, Ventín e Agro do Muíño realizan obradoiros e andainas para coñecer un pouco máis o municipio no que viven.

Os primeiros en participar nestas actividades foron os alumnos de 1º e 2º de primaria do CEIP de Barouta, que realizaron unha ruta polo Rego dos Pasos, un pequeno couce fluvial que percorre varios quilómetros do concello, dende a parroquia de Ames ata Bertamiráns, onde desemboca no río Sar. Esta mesma senda será percorrida polo alumnado de 3º de primaria do mesmo centro o vindeiro 28 de abril. Por outra banda, alumnos/as de infantil e 4º de primaria asistirán a uns obradoiros de prehistoria na Aula da Natureza en dúas quendas, nas que se achegarán a esta etapa histórica da man dos petróglifos de Castelo, situados na parroquia de Ames.

Por outra banda, parte do alumnado do CEP de Ventín percorreu este mércores, 13 de marzo, a Ruta de Riamontes ou Ruta da Auga, un percorrido circular que parte de Vilar, na parroquia de Ames. Durante a saída, as nenas e nenos puideron camiñar polas beiras do rego de Riamonte e visitar o conxunto de muíños que salpican o camiño ata o Monte de San Marcos. Ao longo da andaina, os cativos e cativas puideron coñecer, da man de Patricia Reboreda, técnica municipal de Medio Ambiente, as múltiples especies de seres vivos que habitan esa paraxe, e como a xente facía uso dos muíños.

En abril, parte do alumnado do CEIP de Barouta participará na saída Camiño de Muxía, ao abeiro da que percorrerán unha pequena parte do camiño de Fisterra-Muxía, en concreto a etapa que transcorre dende Augapesada ata A Ponte Maceira. Durante a saída, non só coñecerán o cambio que sufriu a paisaxe nos últimos séculos e o seu impacto medioambiental, senón tamén se achegarán á historia do terreo coñecendo as batallas que alí transcorreron nos séculos XII e XV, e os usos e particularidades de construcións tipicamente galegas que irán vendo polo camiño.


O CEIP Agro do Muíño achégase ao monte galego
Nos vindeiros meses, o alumnado do CEIP Agro do Muíño tamén participará nunha serie de saídas da man da Aula da Natureza, co obxectivo de coñecer os diversos aspectos do monte galego, tomando como referencia os bosques amesás. Así, os rapaces e rapazas do primeiro ciclo de primaria deste centro realizarán a Ruta dos Cabaliños do Demo, o día 29 de marzo farano os de 1º e o 2 de maio os de 2º de primaria. Antes do percorrido, que se atopa nas inmediacións da Aula da Natureza, terá lugar unha sesión introdutoria na que falarán dos usos tradicionais do monte e haberá unha pequena explicación do que se fará durante a andaina. Xa de volta, realizarase un obradoiro de froitos do bosque. Está previsto que a xornada transcorra das 10.00 ás 13.30 horas.

En maio e xuño tamén será a quenda dos cativos e cativas de 4º, 5º e 6º de educación infantil, que participarán na actividade Olores, cores e sabores do monte. Esta iniciativa comezará arredor das 10.00h nas instalacións da Aula da Natureza, onde os participantes deixarán as súas mochilas e bolsas para coñecer que se fará durante a xornada. A continuación, darán un paseo pola Ruta dos Cabaliños do Demo, onde recollerán flores, follas, herbas, etc. con distintas cores e olores que, despois do almorzo, utilizarán para decorar un mural. Os cativos de 6º realizarán esta actividade o 8 de maio, aos de 5º tócalles o día 29 de maio, mentres que para os alumnos e alumnas de 4º será o 6 de xuño.

Por outra banda, en xuño as alumnas e alumnos de 3º e 4º de primaria participarán nunha ruta de 3 quilómetros polas Fragas de Agrón, situadas no lugar de Gasamáns. Así, entre as 10.00 e as 13.30 horas, os nenos e nenas percorrerán este espazo natural onde observarán e farán diversas actividades e xogos co bosque atlántico como temática.