Pestanas principais

A Aula CeMIT volve ofrecer servizos de Aula Aberta a partir do xoves 2 de xullo

Martes, 30 de xuño de 2020

A Aula CeMIT de Ames abrirá a aula para o uso libre dos seus equipos a partir do xoves 2 de xullo. O horario durante as primeiras semanas será de 9.30 a 13.30 horas, deixando a tarde para continuar cos seus cursos dende a casa. Destes últimos, hai programados dous máis para este mes de xullo, que seguirán impartíndose dende Youtube.

As instalacións da Aula CeMIT de Ames, permanecían pechadas debido ao estado de alarma provocado pola Covid-19. No mes de xuño, comezaron a abrir a aula polas mañás para resolver dúbidas con cita previa e acoller aos estudantes universitarios que precisaban dunha rede para facer os seus exames. Agora, no mes de xullo, procedese á abertura da aula para o uso libre dos seus equipos. O horario será de 9.30 a 13.30 horas, deixando a tarde libre para proceder cos seus cursos dende a casa.

Normas de acceso na Aula Aberta

Para poder facer uso dos equipos da Aula Aberta será preciso cumprir unha serie de normas básicas de prevención e seguridade. A primeira é o uso de máscara en todo momento, así como limpar as mans con xel hidroalcólico antes de empregar cada equipo da Aula.

Ademais, é obrigatorio respectar as distancias de seguridade entre postos, e entre cada uso empregarase desinfectante para limpar e desinfectar a zona e garantir a seguridade dos/as usuarios/as. 

Actividades para adultos no mes de xullo

En canto ás actividades formativas, estes seguirán desenvolvéndose de maneira telemática, dividíndose as súas horas lectivas en dúas modalidades: sesións teóricas dende Youtube e sesións en modo titoría de práctica voluntaria dende Jitsi Meet.

Para este mes de xullo hai programados dous cursos: “Traballando na nube” e “Sácalle partido ao teu teléfono móbil Android”. O primeiro deles será dende o luns 6 ao xoves 9 de xullo, de 17.30 a 19.00 horas, mentres que a titoría voluntaria en Jitsi Meet para resolver dúbidas e realizar prácticas será o venres 10 de xullo de 17.30 a 19.00 horas.

Por outra banda, o curso “Sácalle partido ao teu teléfono móbil Android” desenvolverase do luns 13 ao venres 17 de xullo, de 17.30 a 19.00 horas.

Os requisitos para poder realizar algún dos cursos son contar cunha conexión estable á rede e un ordenador, tablet ou móbil. Unhas horas antes do comezo de cada curso recibirase un correo electrónico coa información necesaria para acceder a cada sesión.

Reserva de praza e máis información

Para matricularse en calquera das actividades é preciso estar rexistrado na rede CeMIT. Para máis información ou reservar praza en algún dos cursos pódese chamar ao teléfono 682 373 753 en horario de luns a venres, de 9.30 a 13.30 e de 17.00 a 19.00 horas. Tamén se pode enviar un correo a cemit.ames@xunta.gal ou acceder á súa páxina web.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Acceso a equipos da Aula CeMIT de Bertamiráns"

Cartel Aula CeMIT xullo

Multimedia

  • Cartel Aula CeMIT xullo