- Tematica
A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames anuncia a súa oferta formativa para o último cuadrimestre do ano 2024, que inclúe tres cursos para adultos e outros tres para menores de idade. Ademais dunha introdución á Administración electrónica volven clásicos do mes de setembro como a iniciación á informática e á mecanografía, tanto para adultos como para os pequenos da casa. As instalacións da aula permanecerán pechadas durante todo o mes de agosto, polo que as inscricións deben facerse de xeito telemático, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou premendo nesta ligazón.
A aula CeMIT permanecerá pechada durante o mes de agosto. O acceso libre ás instalacións, así como a súa actividade formativa, retomarase a partir de setembro. Durante os últimos catro meses do ano haberá tanto cursos para adultos como para menores de idade. Ademais dunha introdución á Administración electrónica volven clásicos do mes de setembro como a iniciación á informática e á mecanografía, tanto para adultos como para os pequenos da casa.
Despois das vacacións volverase ao 100% de formación presencial, así que pronto se anunciarán cursos na aula polas tardes centrados no público adulto. Pero ademais tamén chegarán novidades con respecto ao COMDIX, o certificado galego en competencias dixitais, que se anunciarán a comezos de setembro.
Cursos para adultos
Ofértanse 14 prazas para cada curso de carácter presencial. Os alumnos poderán facer uso da aula aberta tanto antes coma despois para realizar practicas adicionais ou consultar dúbidas sobre calquera tema.
Introdución á Administración electrónica
Impartirase o luns 16, mércores 18 e venres 20 de setembro, de 10.00 a 12.00 horas. Trátase dun curso adicado á familiarización coa Administración electrónica. Aprenderase a manexarse con todo tipo de sistemas de identificación electrónica, dende o DNI electrónico ata os certificados dixitais, cl@ve e chave365. Verase como facernos con cada un deles e as súas vantaxes ou inconvenientes. Ademais tamén se fará un achegamento á Sede electrónica do Concello de Ames e da Xunta, servizos tan útiles coma É-Saúde ou Notifica.gal e apps como XuntaEu e Mi carpeta ciudadana.
Iniciación á Informática
Este curso impartirase o martes e xoves, de 10.00 a 12.00 horas, dende o 24 de setembro ata o 28 de novembro. É un curso de iniciación ao uso do ordenador dende o máis básico: aprenderanse conceptos coma o manexo do rato e teclado, acender e apagar os equipos de forma correcta, xestión do sistema operativo para crear documentos, traballar con eles e, sobre todo, perderlle o medo ao ordenador.
Mecanografía para adultos
Impartirase o mércores, de 10.00 a 12.00 horas, dende o 2 de outubro ata o 27 de novembro. Nunca somos demasiado maiores para aprender mecanografía se temos que empregar o teclado dun ordenador a miúdo. Neste curso aprenderase a sacarlle partido á plataforma online Typing para practicar tanto dende a aula como dende a casa, teñamos o nivel que teñamos.
Cursos para menores de idade
Cómpre lembrar que o menor debe estar rexistrado previamente na rede CeMIT para poder matricularse en calquera destes cursos. Pode facelo pasando pola aula ou a través da seguinte ligazón: https://aulascemit.xunta.es/usuarios/spring/usuarios
Informática para nenos/as - Nivel básico (de 7 a 10 anos)
Impartirase o martes, de 17.15 a 18.45 horas, dende o 17 de setembro ata o 10 de decembro. Trátase dun curso de iniciación á Informática no que os nenos e nenas de entre 7 e 10 anos aprenderán as bases do uso dun ordenador: rato, teclado, sistema operativo, xestión de documentos e cartafoles, acceso á rede para practicar con xogos educativos, introdución á escritura en LibreOffice Writer, etc.
Introdución á mecanografía (nenos/as entre 7 e 10 anos)
Este curso impartirase os xoves, de 17.00 a 18.00 horas, dende o 19 de setembro ata o 12 de decembro. É un curso idóneo para practicar mecanografía, sexa a primeira vez que se achega a este eido ou desexe continuar dende algún curso anterior. Empregarase unha plataforma online coa que o alumno poderá continuar a practicar en calquera momento dende a súa casa.
Introdución á mecanografía (rapaces/as entre 10 e 14 anos)
impartirase tamén os xoves, de 18.00 a 19.00 horas, dende o 19 de setembro ata o 12 de decembro. Trátase dun curso idóneo para practicar mecanografía, sexa a primeira vez que se achega a este eido ou desexe continuar dende algún curso anterior. Empregarase unha plataforma online coa que o alumno poderá continuar a practicar en calquera momento dende a súa casa.
Horarios e acceso á Aula
Aula aberta para uso libre dos equipos e consulta de dúbidas:
-Pechada durante o mes de agosto por vacacións.
-Horario de verán (ata o 15 de setembro): de luns a venres dende as 8.15 ata as 13.50 horas.
-Horario habitual: de luns a venres dende as 9.35 ata as 12.55 horas e de 16.35 a 18.55 horas (excepto durante a realización dos cursos).
Ao estar as instalacións da aula pechadas durante todo o mes de agosto, as inscricións deben facerse de xeito telemático, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou premendo nesta ligazón. Tamén se poden seguir as redes sociais da Aula CeMIT de Ames para coñecer a última hora da aula e estar sempre informado das súas actividades: Facebook, Instagram e YouTube.