Pestanas principais

A aula CeMIT prepárase para a primavera cunha ampla variedade de actividades na súa programación

Mércores, 06 de marzo de 2019

[06-03-2019] A Aula CeMIT de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, presenta a súa programación para os meses de marzo e abril, con cursos para adultos e actividades para os/as máis cativos/as. Ademais, con motivo do Entroido e a Semana Santa, organízanse varios obradoiros para crianzas e adolescentes. Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web do CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á propia aula, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.

Ciclo de introdución á informática para adultos
A Aula CeMIT continuará en marzo a impartir o ciclo de introdución á informática, formado por tres cursos enfocados en achegar a Informática aos adultos, dende o punto máis básico ata un uso máis avanzado de Internet. A primeira destas ensinanzas, impartida en febreiro, levou por título Iniciación á Informática e buscou introducir aos participantes no uso dun ordenador. A partir de aí, todos os martes, mércores e xoves do 7 ao 21 de marzo, impartirase un curso de Iniciación a Internet, no que se partirá dun uso básico do ordenador para adentrarse na rede, co obxectivo de sacarlle o máximo partido. Así, ensinarase a usar o navegador de Internet e os distintos buscadores, así como o manexar múltiples e útiles servizos na rede como prensa, radio, televisión...

O punto e final do ciclo marcarao o curso de Iniciación ás redes sociais, a través do que os participantes poderán ver de primeira man as posibilidades que ofrecen redes sociais como Facebook, Twitter, Instagram ou Youtube. Dito curso realizarase do 26 ao 28 de marzo en horario de 10.30 a 12.00h, ao igual que os anteriores.

Ciclo ofimática
Asemade, despois dos obradoiros sobre o manexo do procesador de textos LibreOffice Writer, chega o momento de pasar ao manexo das follas de cálculo LibreOffice Calc. Así, do 7 ao 21 de marzo impartirase un primeiro curso das nocións básicas desta ferramenta, mentres que do 26 marzo ao 4 de abril terá lugar unha segunda parte na que se afondará nas súas posibilidades. Ambos cursos impartiranse os martes e xoves en horario de 18.15 a 19.45h. O ciclo pecharase cunha última formación centrada en como realizar presentacións co LibreOffice Impress, que se realizará os martes e xoves do 9 ao 16 de abril, de 17.45 a 19.45 horas.

Charla sobre a contratación de viaxes e a economía colaborativa
Nas últimas décadas viaxar converteuse nunha das opcións preferidas para os e as consumidoras no momento de escoller como inverter o seu tempo de lecer. Sen embargo, non sempre se coñecen os dereitos que nos amparan cando contratamos e realizamos unha viaxe, un coñecemento que converte ao usuario nun consumidor/a responsable.

Mediante esta videoconferencia impartida dende a Escola Galega de Consumo, que terá lugar o luns 11 de febreiro, de 12.00 a 13.00h, daranse unha serie de pequenas pautas e consellos para tomar certas precaucións á hora de deseñar as viaxes e conseguir unha boa experiencia en todos os sentidos. Ademais, a charla completarase cun achegamento ao concepto de economía colaborativa, e a análise dos diferentes servizos ofertados polas novas plataformas que nos últimos anos están a xurdir no mercado.


Cursos para adultos
No mes de abril, impartirase un curso de iniciación para aprender a manexar o móbil intelixente. Así, os/as participantes achegaranse ao Android e poderán resolver todas as dúbidas que os e as asaltan sobre o seu uso diario. Para elo, afondarase no manexo da interface de Android e as súas principais aplicacións. A actividade impartirase todos os martes e xoves, do 2 ao 25 de abril, en horario de 10.30 a 12.00h. Durante a Semana Santa, sen embargo, farase unha pequena parada na formación para dar cabida aos obradoiros infantís.

Por outra banda, do 23 de abril ao 2 de maio, todos os martes e xoves realizarase un novo curso sobre a administración electrónica e as súas posibilidades. Así, buscarase derribar os variados problemas e dúbidas que un usuario se pode atopar cando decide converterse nun cidadán dixital. Para elo, afondarase en todo o necesario para familiarizarse co emprego do DNI electrónico, certificados dixitais, chave365, cl@ve e como acceder á sede electrónica do Concello de Ames e ó portal É-Saúde, entre outros servizos. O curso realizarase en horario de 18.15 ao 19.45 horas.

Exames EMA
Nos meses de marzo e abril tamén se realizarán exames EMA, que consisten nunha proba presencial que se precisa para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe CeMIT. Así, a primeira destas probas realizarase o venres, 15 de marzo, de 12.00 a 13.00h, mentres que en abril terá lugar o venres 12, en horario de 17.30 a 18.30 horas.

Exames CODIX
Ao longo de marzo abrirase a convocatoria para realizar o exame CODIX en modo teleformación. Os inscritos que resulten escollidos no sorteo terán que realizar ao longo de tres meses un curso online de aproximadamente 200 horas dende o Espazo Multimedia de Aprendizaxe (EMA), o que lles permitirá presentarse ao exame. As persoas interesadas neste exame deberán estar atentas as redes sociais da Aula CeMIT e á páxina do CeMIT, dado que, unha vez aberto o prazo, so haberá unha semana para solicitar matrícula.

Tramitación das inscricións
Para participar en calquera das actividades é preciso matricularse con antelación. Así, para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula da Casa da Cultura de 10:00h a 13:00h e de 17:00 a 20:00h, chamando ao número de teléfono 662 371 511 no mesmo horario, ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.


A chegada de marzo este ano non só trae consigo a primavera, senón que tamén ven acompañada da celebración do Entroido en Ames. Para celebrar esta festividade, unha das máis esperadas do ano, a Aula CeMIT está a desenvolver un programa especial centrado na xuventude, composto por cinco obradoiros. O primeiro deles, impartido por Alberto Dios Queiruga, tivo lugar este venres, 1 de marzo, e estivo centrado no xadrez.

Asemade, o luns realizouse un obradoiro sobre o manexo do rato e o teclado destinado a menores de oito anos, no que as crianzas aprenderon a usar o rato e o teclado de forma totalmente lúdica, a través do Paint e de xogos adaptados a súa idade. Ese mesmo día pola tarde, os adolescentes mergulláronse, na elaboración de fotomontaxes sinxelas, tomando como base unhas directrices básicas e utilizando unha webapp gratuita, similar a estándares do sector como Photoshop ou GIMP.

Hoxe, mércores 6 de marzo, pola súa banda, realizaranse dous obradoiros sobre programación co novo Scratch, no que os/as rapaces/as aprenderán as nocións básicas desta ferramenta de cara a facer unha actividade libre relacionada co entroido. De 10.00 a 12.00h vai destinado a menores de dez anos, mentres que na sesión da tarde, de 17.00 a 19.00h, os participantes son maiores de dez anos.

Obradoiro de Semana Santa
Sen embargo, o Entroido non é o único período festivo dos próximos meses. Para aproveitar o tempo libre que rapazas e rapaces teñen coa chegada das vacacións de Semana Santa, tamén se realizarán tres obradoiros durante o mes de abril para aqueles rapaces que non puidesen participar nos anteriores talleres. Así, repetirase o obradoiro sobre o manexo do rato e o teclado destinado a menores de oito anos o luns 15 de abril, en horario de 10.00 a 12.00 horas.

O martes e o mércores impartiranse os talleres sobre programación co novo Scratch, no que os/as rapaces/as aprenderán as nocións básicas desta ferramenta de cara a facer unha actividade libre relacionada co entroido. O día 16 estará destinado para menores de 10 anos e o 17 os alumnos e alumnas serán os maiores desta idade. Ambas actividades realizaranse de 10.00 a 12.00h. Os cativos e cativas que queiran matricularse nalgunha destas actividades deberán estar rexistrados na aula CeMIT e a inscrición deberá facerse só co seu usuario. No caso de non estar rexistrados, deberan rexistrarse para inscribirse.