Pestanas principais

A aula CeMIT organiza sete novos cursos de formación para os meses de xuño e xullo

Sábado, 27 de maio de 2023

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames continúa a súa oferta formativa durante os meses de verán con cinco cursos para nenos e nenas e outros dous para adultos. Os contidos que se imparten abarcan a mecanografía, a edición de imaxes e son, a busca avanzada na rede e a creación de blogs. A inscrición pode facerse chamando ao número de teléfono 682 373 753, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou presencialmente, nas instalacións da aula (no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns). 

A aula CeMIT está a planificar a formación para este verán, con cursos pensados para todos os públicos, lúdicos e formativos. Ademais, continuarase ofrecendo o acceso libre á aula, que permanece aberta ao público de luns a venres, dende as 9:30 ata as 13:00 horas; e os martes e xoves tamén dende as 16:30 ata as 19:00 horas. Así mesmo, ofértase atención telefónica e por correo electrónico os luns, mércores e venres, dende as 16:00 ata as 18:30 horas. A partir do 3 de xullo, o horario das aulas será de luns a venres, dende as 8:15 ata as 13:50 horas.

Cursos para menores de idade
Dende o 26 de xuño ata o 24 de xullo terá lugar un curso de informática lúdica para nenos/as de entre 6 e 8 anos. Será os luns, de 10:30 a 12:00 horas. Nel, os pequenos da casa poderán aproveitar para aprender a manexarse co ordenador e os seus programas da forma máis entretida posible: mediante xogos e actividades acostumaranse ao rato e ao teclado, pero tamén a entender o funcionamento básico da computadora.

Entre o 27 de xuño e o 18 de xullo haberá outra formación: scratch en verán. O scratch é unha linguaxe de programación por bloques moi visual e adecuada para que os rapaces e rapazas comecen a usar a lóxica da informática na programación, dando pé a que se adentren na robótica educativa. Diríxese á rapazada de entre 8 e 12 anos, e desenvolverase os martes de 10:00 a 12:00 horas.

Para os adolescentes de 12 a 16 anos haberá un curso de edición de imaxes, son e vídeo, que se impartirá do 28 de xuño ao 26 de xullo; os mércores, de 10:00 a 12:00 horas. Nel a rapazada aprenderá dende crear editar imaxes ata fotomontaxes, así como a editar audio e montar vídeos. Empregaranse ferramentas como GIMP, Audacity e OpenShot.

Doutra banda, haberá unha formación de introdución á mecanografía. O curso impartirase para dous grupos: un será para rapaces de entre 7 e 10 anos; e o segundo para os de entre 11 e 14 anos. Nel empregarase unha plataforma online coa que o alumnado poderá continuar practicando en calquera momento dende a súa casa. O curso desenvolverase entre o 29 de xuño e o 27 de xullo. Para os cativos/as de entre 7 e 10 anos terá lugar os xoves de 10:00 a 11:00 horas; mentres que para os de entre 11 e 14 anos impartirase de 11:00 a 12:00 horas.

Todos os menores de idade que queiran participar en calquera dos cursos deben estar rexistrados previamente na rede CeMIT. A inscrición pódese facer premendo nesta ligazón ou presencialmente, no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Cursos para adultos
No caso dos adultos, ofértanse dúas formacións. Por un lado, o curso “Atopa na rede: busca avanzada en Internet”. Terá lugar dende o 29 de maio ata o 23 de xuño, todos os luns, mércores e venres, de 10:00 a 12:00 horas. As prazas xa están cubertas, aínda que as persoas que o desexen poden anotarse e quedar en lista de espera. Será de xeito presencial.

Por outra banda, ofrécese tamén un curso que se pode realizar dende a casa, a través de Youtube, “Crea o teu blog persoal!”. Terá lugar do 5 ao 28 de xuño, os luns e mércores, de 16:30 a 18:00 horas. Dende a Aula CeMIT enviarase por correo electrónico aos participantes a información necesaria para acceder a cada unha das sesións, así como un breve titorial para descargar e instalar os programas necesarios para o seguimento dos cursos.

“Crea o teu blog persoal!” é un curso centrado na creación dun blog persoal, comezando dende a configuración básica ata opcións de deseño máis avanzadas. Empregarase Blogger como plataforma de exemplo.

A inscrición aos cursos, tanto para adultos como para a rapazada, pódese facer chamando ao número de teléfono 682 373 753, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou presencialmente, nas instalacións da aula (no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns).

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A aula CeMIT de Ames planifica a formación estival con cursos en xuño e xullo"

Cartaz dos obradoiros da aula CeMIT

Multimedia

  • Cartaz dos obradoiros da aula CeMIT