Pestanas principais

A aula CEMIT organiza dous novos cursos de formación para adultos nos meses de outubro e novembro

Sábado, 27 de setembro de 2025

A aula CeMIT retomou xa o seu horario habitual e, coa volta a rutina, tamén organizan para estes derradeiros meses do ano dous novos cursos de formación para adultos. Deste xeito, impartirase a formación “Correo electrónico: xestión avanzada” e o curso “Crea o teu blog e web persoal!”. Por outro lado, a inscrición para os cursos presentados no pasado mes de xullo aínda está aberta e, aínda que non queden prazas para o curso desexado, quedarase en lista de agarda por se houbera algunha baixa.  

A aula CeMIT de Ames, retoma a súa actividade habitual despois do paro polas vacacións de verán neste mes de agosto e dende este pasado día 15 tamén volveu ao seu horario habitual (de luns a venres dende as 9.05 ata as 12.55 horas e de luns a xoves, de 16.35 a 18.55 horas, excepto durante a realización dos cursos). Deste xeito, incorporan dúas novas formacións á súa programación para os derradeiros meses do ano. 

Cursos para adultos
Ofértanse 14 prazas para cada curso de carácter presencial. Os alumnos poderán facer uso da aula aberta tanto antes coma despois para realizar practicas adicionais ou consultar dúbidas sobre calquera tema. 

O primeiro dos cursos que se incorporan á programación da aula amesá é “Correo electrónico: xestión avanzada”, que se impartirá os luns e mércores, de 17.15 a 18.45 horas desde o 13 de outubro ata o 5 de novembro. Nesta formación, o obxectivo é conseguir empregar e descubrir todas as posibilidades e ferramentas que nos ofrece o correo electrónico para poder empregalo da maneira máis optimizada posible, dende as opcións máis básicas ata o nivel máis avanzado. Por exemplo, aprenderase a crear filtros que automaricen a xestión das mensaxes en diferentes etiquetas ou cartafois, programación de envíos ou pospoñer a lectura de correos recibidos. 

Por outra banda, unha vez remate a formación en correo electrónico, dará comezo “Crea o teu blog e web persoal!”, que se desenvolverá no mesmo horario, de 17.15 a 18.45 os luns e mércores. Nesta ocasión, desde o 10 de novembro ata o 17 de decembro. Nesta formación impartiranse as claves e ferramentas para poder crear o nosos propio blog e web persoal en diferentes plataformas dixitais (Blogger, Wordpress, Google Sites…), dende a configuración máis básica ata a profundización en temas máis avanzados. Deste xeito, poderemos adquirir coñecementos en opcións tan útiles e prácticas hoxe en día para poder crear o noso currículum, un portfolio ou simplemente falar de calquera cousa que nos guste. 

Por outro lado, aínda está aberta a inscrición para os cursos anunciados no pasado mes de xullo: Edición de imaxes con GIMP (Luns e mércores de 17.15 a 18.45 ata o 8 de outubro) e Iniciación á informática (Martes e xoves de 10.00 a 12.00 horas ata o 20 de novembro). Deste xeito, créase unha lista de agarda para cubrir no caso de que houbera algunha baixa. 

Cursos para menores de idade
Cómpre lembrar que o menor debe estar rexistrado previamente na rede CeMIT para poder matricularse en calquera destes cursos. Pode facelo pasando pola aula ou a través da seguinte ligazón: https://aulascemit.xunta.es/usuarios/spring/usuarios

Para os máis pequenos da casa hai tres formacións anunciadas xa no pasado mes de xullo. Por unha banda, ofértase un curso de nivel básico de informática, para menores de 7 a 10 anos, que se está a desenvolver os martes de 17.15 a 18.45 horas ata o 16 de decembro. 

Por outro lado, tamén se están a desenvolver dous cursos de mecanografía para nenos e nenas tódolos xoves ata o 18 de decembro, un deles dirixido á rapazada de 7 e 10 anos, en horario de 17.00 a 18.00 horas, e outro orientado aos menores de 10 a 14 anos, neste caso de 18.00 a 19.00 horas.

Exame para a obtención do COMDIX
Por outra banda, co inicio do novo curso, a AMTEGA vén de convocar novas prazas para a obtención da nova Certificación Galega de Competencias Dixitais (COMDIX). Deste xeito, abriuse a convocatoria do mes de outubro. 

O temario completo do exame está xa dispoñible para todo o mundo na plataforma de teleformación. Pódese acceder co usuario da rede CeMIT na sección de Cursos / Competencias Dixitais.

Cada unha das edicións conta cun centenar de convocatorias en toda Galicia, das cales 2 serán na aula CeMIT de Ames e que se realizarán o mércores 29 e o venres 31 de outubro. Para consultar calquera dúbida ou solicitar máis información pódese enviar un correo ao enderezo electrónico formacion-cemit@xunta.gal.

A aula CEMIT organiza dous novos cursos de formación para adultos nos meses de outubro e novembro

Multimedia

  • A aula CEMIT organiza dous novos cursos de formación para adultos nos meses de outubro e novembro