Pestanas principais

A Aula CeMIT organiza dous cursos formativos para os meses de novembro e decembro

Luns, 16 de outubro de 2023

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames continúa a súa oferta formativa durante os meses de novembro e decembro, con dous cursos dirixidos a adultos. Os contidos impartidos abarcan aspectos como o deseño vectorial con Inkscape e as compras seguras a través de internet. A inscrición aos cursos pódese facer chamando ao número de teléfono 682 373 753, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou presencialmente, nas instalacións da aula (no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns).

A aula CeMIT está a planificar a formación para os meses de novembro e decembro, con cursos lúdicos e formativos dirixidos á poboación adulta. Ademais, continuarase ofrecendo o acceso libre á aula, que permanece aberta ao público de luns a venres, dende as 9:30 ata as 13:00 horas; e os martes e xoves tamén dende as 16:30 ata as 19:00 horas. Así mesmo, ofértase atención telefónica e por correo electrónico os luns, mércores e venres, dende as 16:00 ata as 18:30 horas.

Dende o 6 ata o 29 de novembro terá lugar un curso de deseño vectorial con Inkscape, que se desenvolverá os luns e os mércores de 16:30 a 18:00 horas (de xeito online, a través de Youtube). Esta formación busca que os participantes aprendan a manexarse co programa referente de software libre en materia de deseño vectorial. No curso ensinaranse as bases para facer todo tipo de carteis e logotipos. Configuración, opcións avanzadas de cada ferramenta, trucos e recursos... será o contido principal que se ofrecerá de balde para seguir dende a casa, mediante Youtube.

Por outra banda, tamén se impartirá unha formación de compras seguras a través de Internet, o luns 4 e o martes 5 de decembro, de 10:00 a 12:00 horas (de xeito presencial). Neste caso, a programación contempla que se aprenda o proceso completo dunha boa compra online: busca da mellor oferta, métodos de pago, proceso postvenda, dereitos do consumidor, posible devolución...

A inscrición aos cursos pódese facer chamando ao número de teléfono 682 373 753, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou presencialmente, nas instalacións da aula (no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns).

Cartaz dos cursos da aula CeMIT para os meses de novembro e decembro

Multimedia

  • Cartaz dos cursos da aula CeMIT para os meses de novembro e decembro