- Tematica
Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames organiza novos cursos de formación para que a rapazada continue aprendendo na época estival. Os contidos destas formacións abranguen amplos contidos, dende a edición de imaxes ou vídeo, ata introdución ás dotes básicas de mecanografía. Para matricularse en calquera destes cursos, os menores de idade deben estar rexistrados previamente na rede CeMIT.
A aula CeMIT do Concello de Ames, situada en Bertamiráns, oferta novos cursos para estes dous vindeiros meses de xuño e xullo. Concretamente, serán catro formacións dirixidas para os menores de idade. Como vén sendo habitual, estará habilitada a aula para o seu uso libre e consulta de dúbidas: antes do 16 de xuño o horario é de luns a venres, de 9.05 a 12.55 horas, e de luns a xoves pola tarde de 16.35 a 18.55 horas; mentres que desde o 16 de xuño ata o 12 de setembro, o horario é de luns a venres desde as 8.15 ata as 13.50 horas.
Cursos de verán para menores
Deste xeito, ofértanse un total de catro formacións para menores. A primeira delas é “Informática lúdica”, dirixida para a os nenos e nenas de 6 a 8 anos e que se impartirá os luns de 10:30 a 12:00 horas, desde o 23 de xuño ata o 28 de xullo. Neste curso os pequenos da casa aprenderán a adquirir as nocións básicas para manexar o ordenador e os seus programas a través de xogos e actividades divertidas, para acostumarse ó uso do rato e o teclado, e entender tamén o funcionamento básico da computadora.
Xa no mes de xullo, do 1 ata o día 29, desenvolverase o curso “Scratch en verán”, dirixido á rapazada de entre 9 e 12 anos, e desenvolverase os martes entre as 10.00 e as 12.00 horas. O scratch é unha linguaxe de programación por bloques moi visual e axeitada para que os rapaces e rapazas comecen a usar a lóxica da informática na programación, dando pé a que afonden na robótica educativa.
Para os adolescentes de 12 a 16 anos ofértase a formación “Edición de imaxes, son e vídeo”, que se impartirá do 25 de xuño ao 30 de xullo, os mércores, de 10:00 a 12:00 horas. Neste curso multidisciplinar, o alumnado poderá adquirir habilidades e coñecementos básicos nos tres principais ámbitos multimedia empregando aplicacións de balde coma GIMP, Audacity e Openshot. Poderán aprender dende a creación e edición de imaxes ata fotomontaxes, edición de audio ou montaxe de vídeo.
Doutra banda, haberá unha formación de “Introdución á mecanografía”. Haberá dous grupos deste curso: un será para rapaces de entre 7 e 10 anos; e o segundo para os de entre 10 e 14 anos. Nel empregarase unha plataforma en liña coa que o alumnado poderá continuar a practicar en calquera momento dende a súa casa. O curso terá lugar desde o 26 de xuño ata o 31 de xullo. Para os nenos e nenas de entre 7 e 10 anos, o curso será os xoves, en horario de 10.00 a 11.00 horas; mentres que para os menores de entre 10 e 14 anos impartirase tamén os xoves pero en horario de 11:00 a 12:00 horas.
Para matricularse en calquera destes cursos, os menores de idade deben estar rexistrados previamente na rede CeMIT.






