Pestanas principais

A Aula CeMIT impartirá, dende o luns 28 de xuño, cursos infantís e para adultos no verán

Venres, 25 de xuño de 2021

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames, programou novos cursos telemáticos para os meses de xuño e xullo, tanto para nenos e nenas como para adulto/as. Esta aula formativa, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños e veciñas de Ames aos diferentes cursos que imparte. A Aula Aberta cambiará de horario no mes de xullo. Estará aberta de 8.00 a 14.00 horas os luns, mércores e venres para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información, e usar os ordenadores.

O primeiro curso que se vai impartir está dirixido a un público adulto. Os días 28, 29 e 30 de xuño, de 17.30 a 18.30 horas, levaranse a cabo as sesións de “Google Maps: planifica as túas viaxes en verán!”. Trátase dun curso no que se aprenderá a sacarlle partido a unha das aplicacións máis útiles do móbil. Ensinarase a planificar rutas, obter toda clase de información sobre os sitios que queremos visitar. Ademais da versión móbil, tamén se verá como funciona a versión web do ordenador.

O xoves día 1, o martes 6 e o xoves 8 de xuño, de 17.00 a 18.30, impartirase o curso “Crea o teu CV!”. Nestas clases, o alumnado aprenderá a realizar un bo currículo orientado á satisfacer as necesidades na busca de emprego, a crear un autoanálise para
decidir que poñer no CV e a escribir unha carta de presentación. Na sesión final poderase poñer en práctica o aprendido coa titoría do profesor.

Tamén relacionada coa inserción laboral, a Aula CeMIT organizou o taller “Busca de emprego a través de Internet”. Levarase
a cabo o martes 13 e xoves 15 de xullo, de 17.00 a 18.30 horas. Trátase dun curso de  introdución á busca de emprego na rede no que se recibirá unha serie de consellos e trucos para esta dura busca, así como unha innumerable cantidade de recursos para atopar ofertas de todo tipo: portáis de emprego, boletíns, uso de redes sociais...

Cursos infantís
No mes de xullo haberá dous talleres online dirixidos a nenos e nenas. O primeiro en impartirse será o de mecanografía, o xoves 1 de xullo, de 10.30 a 12.00 horas. Ensinarase esta ferramenta fundamental para que os estudantes poidan desenvolverse no mundo da Informática, tan relevante nos colexios hoxe en día. Nesta sesión de introdución a través de YouTube ensinaranse as bases da mecanografía e o funcionamento da plataforma Typing para que os rapaces e rapazas poidan practicar mecanografía dende a casa durante o verán.

Os martes e xoves, dende o 6 ata o 22 de xullo, de 10.30 a 12.00 horas, a rapazada poderá asistir ao curso de Scratch. Trátase dunha linguaxe de programación por bloques moi visual e adecuada para que os rapaces e rapazas comecen a usar a lóxica da
Informática na programación, dando pe a que logo se adentren na robótica educativa.

Como anotarse e asistir virtualmente
Para poder inscribirse precísase un ordenador co software necesario (LibreOffice) e conectado á rede para poder seguir a retransmisión en directo dende YouTube. Estes cursos mesturan sesións explicativas con prácticas titorizadas para facilitar o aprendizaxe.

Para inscribirse nalgunha das actividades será preciso estar rexistrado de balde na rede CeMIT. Para máis información ou facer a reserva podes acceder á aula no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns ou poñerte en contacto a través do número teléfono: 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal .

Unhas horas antes do comezo de cada curso recibiredes por correo electrónico a información necesaria para acceder a cada sesión.

Cambio de horario da Aula Aberta en xullo
O horario de Aula Aberta en xullo cambiará. Durante ese mes, estará aberta só os luns, mércores e venres, de 08.00 a 14.00 horas. Para poder empregar os ordenadores durante a Aula Aberta hai que respectar as seguintes medidas de hixiene:

-Limpeza de mans antes de empregar calquera equipo.
-Uso obrigatorio de máscara hixiénica.
-Manter a distancia de seguridade de metro e medio.

Os 8 equipos dispoñibles están numerados e as súas distancias acotadas, polo que é moi importante respectar as medidas en todo momento. Entre cada uso o responsable da aula fará a desinfección correspondente para garantir a seguridade dos seguintes usuarios.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Formación adaptada ao COVID para adultos e nenos en Bertamiráns"

Aula Cemit Xuño e Xullo

Multimedia

  • Aula Cemit Xuño e Xullo