Pestanas principais

A Aula CeMIT imparte cursos para adultos no mes de marzo e un obradoiro infantil en Semana Santa

Martes, 02 de marzo de 2021

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames, programou novos cursos telemáticos para o mes de marzo dirixidos ao público adulto. Ademais, organizarase un curso virtual infantil durante as vacacións de Semana Santa. Esta aula formativa, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños e veciñas de Ames aos diferentes cursos que imparte, ademais de dispor dun horario de Aula Aberta para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información, e usar os ordenadores.

Este luns, 1 de marzo, comezou o curso de segundo nivel do obradoiro que se celebrou en febreiro, o de procesador de textos con LibreOffice Writer II, que se impartirá ata o 5 de marzo, de 17.30 a 19.00 horas. Trátase dun curso de nivel medio no que se afondará no uso do procesador de textos aprendendo a manexarnos con campos automáticos, cabeceira e rodapé, formato de páxina, FontWork, sinaturas dixitais...

Dende o luns 8 ata o venres 12, impartirase o obradoiro de folla de cálculo con LibreOffice Calc I, de 17.30 a 19.00 horas. Nel, os alumnos e alumnas, aprenderan conceptos básicos de introdución ás follas de cálculo: interface de LibreOffice Calc, introdución de datos e formatado numérico, formato condicional, funcións básicas e funcións con condicións. O nivel medio deste curso terá lugar a semana do 15 ao 18 de marzo, de 17.00 a 19.00 horas. Nesta ocasión afondarase no uso das follas de cálculo: función condicional SE, funcións aniñadas, creación de gráficas, impresión das follas de cálculo, conxelación de filas e columnas, ordenar e filtrar...

O luns 22 de marzo comezará o curso de presentacións con LibreOffice Impress. Rematará o venres 25 e impartirase de 17.30 a 19.00 horas. Trátase dunhas clases de introdución ata o nivel medio de creación de presentacións con Impress: peculiaridades das presentacións, interface do programa, inserción e formatado dos elementos (cadros de texto, imaxes, FontWork, táboas, gráficas, vídeos...), animación e interacción das diapositivas, manexo de plantillas...

Curso para nenos e nenas
Os días 29, 30 e 31 de marzo, coincidindo coas vacacións escolares de Semana Santa, a Aula CeMIT organiza un curso virtual para nenos, nenas e adolescentes.

A través de Youtube, en horario de 10.30 a 12.00 horas, poderase asistir ao obradoiro de Scratch, unha linguaxe de programación por bloques moi visual e adecuada para que os rapaces e rapazas comecen a usar a lóxica da informática na programación, para que despois se interesen pola robótica educativa.

Este obradoiro de Semana Santa pódese seguir dende a casa ben sexa en solitario ou coa compañía da familia para aprender todos xuntos.

Como anotarse e asistir virtualmente
Para poder inscribirse precísase un ordenador co software necesario (LibreOffice) e conectado á rede para poder seguir a retransmisión en directo dende YouTube. Estes cursos mesturan sesións explicativas con prácticas titorizadas para facilitar o aprendizaxe.

Para inscribirse nalgunha das actividades será preciso estar rexistrado de balde na rede CeMIT. Para máis información ou facer a reserva podes acceder á aula no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns ou poñerte en contacto a través do número teléfono: 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal

Unhas horas antes do comezo de cada curso recibiredes por correo electrónico a información necesaria para acceder a cada sesión.

Ao pé desta nova podes consultar todos os días e horarios de realización dos cursos, ademais das horas de Aula Aberta da aula CeMIT.

Horario de Aula Aberta
O horario de Aula Aberta é de luns a venres, de 9.30 a 13.30 horas. Para poder empregar os ordenadores durante a Aula Aberta hai que respectar as seguintes medidas de hixiene:

-Limpeza de mans antes de empregar calquera equipo.
-Uso obrigatorio de máscara hixiénica.
-Manter a distancia de seguridade de metro e medio.

Os 8 equipos dispoñibles están numerados e as súas distancias acotadas, polo que é moi importante respectar as medidas en todo momento. Entre cada uso o responsable da aula fará a desinfección correspondente para garantir a seguridade dos seguintes usuarios.

Aula CeMIT.

Multimedia

  • Aula CeMIT.