Pestanas principais

A Aula CeMiT do Concello de Ames programa novos cursos para decembro e xaneiro

Martes, 10 de decembro de 2019

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames imparte 10 novos cursos nos meses de decembro e xaneiro. Esta aula formativa, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños e veciñas de Ames aos diferentes cursos que oferta ao longo dos vindeiros meses, ademais de dispor dun horario de Aula Aberta para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información, e usar os ordenadores.

Hoxe martes, 10 de decembro, comeza o curso de “Administración electrónica: introdución ás súas posibilidades”, que se desenvolverá ata este xoves 12, en horario de 10.30 a 12.30 horas. Nesta actividade aprenderase a recoñecer todo o que preciso para empregar o DNI electrónico, certificados dixitais, chave365, como acceder á sede electrónica do Concello de Ames ou ao portal É-Saúde. Ao pe desta nova podes consultar os horarios e máis información sobre os cursos, ademais do horario de apertura da Aula Aberta CeMIT.

Xa en xaneiro, desenvolveranse outros cursos que teñen como protagonista a rede. Estes son “O correo electrónico: aprende a manexalo dende a web e o móbil”  onde se aprenderá dende o máis básico , como ler e escribir mensaxes, ata opcións máis avanzadas; “Traballando na nube”, onde se empregará Google Drive como base para entender o funcionamento da nube; e “Atopa na rede!”, curso co que os asistentes descubrirán os operadores de busca e filtros avanzados.

Cursos para menores de idade
Neste mes caracterizado polas vacacións escolares de Nadal, a Aula CeMiT pon en marcha obradoiros de Nadal para nenas e nenos. Desta maneira, desenvolverase do 23 ao 30 de decembro “Postais de Nadal para menores de 8 anos: aprende a dominar o rato no Paint”, un obradoiro de debuxo co Paint no que aprenderán a manexar o rato e o teclado para facer unha sinxela postal de Nadal. Seguidamente, do xoves 26 ao 2 de xaneiro terá lugar “Postais de Nadal animadas en Scratch para nenos/as de 8 a 10 anos”, un obradoiro que tamén se desenvolverá para maiores de 10 anos do venres 27 de decembro ao 3 de xaneiro.

Xa en xaneiro desenvolverase  outro curso para menores: “Presentacións para estudantes”, no cal aprenderán a estruturar a información en diapositivas, engadir elementos multimedia ou animar todos os seus elementos.

Exames EMA
A programación da Aula CeMIT tamén inclúe a realización de dous exames EMA, que consisten nunha proba presencial que se precisa para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe CeMIT.  Serán o venres 13 de decembro de 17.30 a 18.30 horas, e o venres 17 de xaneiro de 12.00 a 13.00 horas.

Tramitación das inscricións
Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web da CeMIT, achegándose á aula da Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 682 373 753, ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.

Cartel Aula CeMIT

Multimedia

  • Cartel cursos de decembro Aula CeMiT
  • Horario cursos de decembro Aula CeMiT
  • Horarios apertura Aula Aberta