Pestanas principais

A Aula CeMIT do Concello de Ames pon en marcha novas actividades nos meses de marzo e abril

Luns, 09 de marzo de 2020

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames iniciará 12 novos cursos nos meses de marzo e abril. Esta aula formativa, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños e veciñas de Ames aos diferentes cursos que oferta ao longo dos vindeiros meses, ademais de dispor dun horario de Aula Aberta para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información, e usar os ordenadores.

Para coñecer os días e horarios nos que se vai a desenvolver cada curso, así como os horarios da Aula Aberta, podes consultar os anexos ao pé desta nova.

Ciclo de introdución ao uso do ordenador
Dentro da programación a desenvolver durante este mes de marzo destaca un ciclo de introdución ao uso do ordenador. Trátase dun ciclo centrado en achegar o uso do ordenador aos adultos, dende unha perspectiva ampla e introdutoria, e aínda que non é obrigatorio, si é recomendable facer todos os cursos do ciclo para obter unha aprendizaxe máis fluída. Desta maneira, o ciclo está composto por: un curso de iniciación á informática que se desenvolverá do 10 ao 18 de marzo (as prazas xa se encontran cubertas), un curso de iniciación a Internet do 24 de marzo ao 2 de abril, e outro de iniciación ás redes sociais do 14 ao 16 de abril.

Ciclo de ofimática
Outro dos ciclos que se seguirán desenvolvendo é o de ofimática, destinados a introducir a suite ofimática de LibreOffice. Estes, comezaron en febreiro, pero proseguirán ao longo destes meses coa posibilidade de poder presentarse aos exames CODIX. O primeiro dos cursos que se desenvolverá nese ciclo no mes de marzo é “Follas e cálculo con LibreOffice Calc I”, o cal xa conta coas prazas cubertas. Este curso verase complementado con outro que se desenvolverá a finais de mes: “Follas de cálculo con LibreOffice Calc II” e que tamén ten as prazas cubertas. Xa no mes de abril, comezarase con “Presentacións con LibreOffice Impress” , un curso centrado en entender a creación de presentacións. Está programado do 14 ao 17 de abril.

Cursos para adultos do mes de abril  
Durante o mes de abril desenvolveranse dous cursos para adultos: “Aprende a manexar o teu teléfono móbil” e “Administración electrónica: introdución as súas posibilidades”. O primeiro deles é un curso de iniciación para aprender a sacarlle partido ao teléfono móbil, mentres que o segundo é un curso adicado ao descubrimento e familiarización coa Administración electrónica.

Cursos para menores e obradoiros de Semana Santa
Con motivo das vacacións de Semana Santa, a Aula CeMIT ten programados para eses días tres obradoiros lúdicos e educativos para que a rapazada aprenda cousas novas mentres está entretida.

O primeiro deles é “Aprende a dominar o rato e o teclado”, que está destinado a menos de 8 anos e se desenvolverá durante a mañá do luns 6 de abril en horario de 10.00 a 12.00 horas. O segundo obradoiro programado é “Programación con Scratch”, o martes 7 de abril para nenos/as de 8 a 10 anos e o mércores 8 para nenos/as de 10 a 12 anos. Ambos os dous tamén son en horario de 10.00 a 12.00 horas.  

E xa fora da programación de Semana Santa, do 13 ao 28 de abril, en horario de luns e mércores de 18.15 a 19.45 horas terá lugar un curso de informática para rapaces.

Videoconferencias
Nestes meses hai organizadas varias videoconferencias por FEGAUS que  xirarán en torno ao turismo e o teléfono móbil. Desenvolveranse, en horario de 10.30 a 11.30 horas,   “Descobre a rede de actividades de lecer na túa cidade sen gastarte unha fortuna” o venres 13 de marzo, “Reserva as túas viaxes e actividades de ocio a través de Internet” o luns 23 de marzo, “Turismo cultural para vivir novas experiencias” o venres 3 de abril, “Funcionamento básico de dispositivos móbiles” o venres 7 de abril e “Configura o meu móbil o teu gusto” o venres 24 de abril.

Exames EMA
A programación da Aula CeMIT tamén inclúe a realización de dous exames EMA, que consisten nunha proba presencial que se precisa para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe CeMIT.  Serán o venres, 13 de marzo, de 12:00 a 13:00 horas, e o venres, 24 de abril, en horario de 18.00 a 19.00 horas.  

Tramitación das inscricións
Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web da CeMIT, achegándose á aula da Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 682 373 753, ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.

Novas relacionadas:

El Corrreo Gallego: "Divulgan el uso del ordenador, móvil e internet en el Aula Cemit de Ames"

Cartel cursos marzo e abril

Multimedia

  • Cartel cursos marzo e abril
  • Horario cursos
  • Horario Aula Aberta