[04-11-2011] A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello Ames organiza un curso de alfabetización dixital que se desenvolverá entre o 15 de novembro e o 22 de decembro. Esta aula de informática, dependente da Xunta de Galicia, ofrece obradoiros dirixidos a veciñanza amiense. A aula CeMIT abriu as súas portas o 2 de novembro despois de que deixara de funcionar durante un período aproximado dun ano. Antes de volver abrir, o Concello de Ames desenvolveu un proceso selectivo para a contratación dun axente de tecnoloxías da información e comunicación (Axente TIC). A través deste servizo preténdese que todos os amienses coñezan as nocións básicas da informática e das novas tecnoloxías.
A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Ames, e a través da aula de informática da Casa da Cultura de Bertamiráns volve a organizar obradoiros e actividades para que todos os veciños e veciñas amienses poidan manexar as novas tecnoloxías e a informática.
Así, durante o mes de novembro e decembro desenvolverase o curso Alfabetización dixital: Iniciación á informática e á internet, co que se pretende achegar a toda a poboación interesada ás destrezas básicas no uso dun equipo informático. Este obradoiro realizarase entre o 15 de novembro e o 22 de decembro, en horario de tarde, de 19:00 h a 20:30 horas. As clases impartiranse os martes e xoves na Aula CeMIT de Bertamiráns, agás os días 6 e o 8 de decembro por ser festivos. Ofértanse un total de 13 prazas.
A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. A Rede CeMIT ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolle os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.
O prazo de inscrición estará aberto ata o día 14 de novembro. Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre esta actividade poden dirixirse ao Aula CeMIT de Ames sito Praza de Chavián s/n (Casa da Cultura), a través da páxina web http://cemit.xunta.es/, chamar ao teléfono 662 371 511, ou enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.es
A Aula de Informática de Bertamiráns tamén ofrece o servizo de Aula Aberta, en horario partido, pola mañá de 9:30 h a 11:30 h e pola tarde de 16:30 h a 20:30 horas. Esta iniciativa consiste en deixar a aula de informática libre para todas aquelas persoas que queiran usar os computadores, tanto para buscar información como para calquera outra utilidade, sempre cunha persoa encargada, tanto para resolver as dúbidas que puideran ter os/as usuarios/as como para solucionar as incidencias que poidan xurdir.




