[23-05-2012] A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello Ames celebrará tres cursos en xuño. Durante este mes, os veciños amienses poderán aprender a usar o sistema operativo Linux e coñecerán todo o necesario sobre o uso do DNI electrónico. Ademais, os máis pequenos contarán cunha actividade para aprender a escribir adecuadamente nun teclado.
No primeiro obradoiro, que se celebrará do 4 ao 8 de xuño, os usuarios e usuarias aprenderán a usar de forma básica un ordenador dotado co sistema operativo Linux. Esta actividade levarase a cabo na Aula CeMIT en horario das 11.00 h ás 12.30 horas. Está destinada a todas as persoas que queren empezar a usar un ordenador ou que estean interesadas en aprender algo máis sobre este sistema operativo libre. A inscrición neste obradoiro está aberta ata o 1 de xuño.
Do 11 ao 13 de xuño, terá lugar un obradoiro sobre o DNI electrónico destinado a persoas con coñecementos na navegación básica. Nesta actividade, as persoas asistentes poderán aprender o que é o carné electrónico, como se emprega e con que dispositivo se utiliza. A inscrición poderá facerse entre o 28 de maio e o 8 de xuño.
O terceiro dos obradoiros estará centrado na mecanografía infantil e vai dirixido aos nenos e nenas de entre 6 e 12 anos que queiran aprender a escribir adecuadamente nun teclado. Os rapaces poderán coñecer como situarse ante o teclado, como colocar as mans e mellorar así a concentración no que están escribindo. Esta actividade comezará o día 25 de xuño e celebrarase ata o 31 de xullo, todos os luns e mércores en horario de 10.30 h a 11.30 h. Os nenos e nenas interesados poderán inscribirse do día 1 ao 22 de xuño na Aula CeMIT. En caso de haber moita demanda, crearíase un segundo grupo para celebrar as clases os martes e xoves.
Esta aula de informática, dependente da Xunta de Galicia, ofrece obradoiros dirixidos á veciñanza amiense. A través deste servizo preténdese que todos os amienses coñezan as nocións básicas da informática e das novas tecnoloxías.
Aula Aberta
A aula CeMIT tamén se pode usar de forma libre, para buscar información na internet, comprobar o correo electrónico ou facer traballos. As horas de Aula Aberta son polas mañás das 09.30 h ás 13.00 h, e polas tardes das 16.30 h ata as 20.30 horas. Este horario depende das actividades programadas cada mes.
A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. Ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolle os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da sociedade da información.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Ames situada na Praza de Chavián s/n (Casa da Cultura de Bertamiráns), a través da páxina web http://cemit.xunta.es/, chamar ao teléfono 662 371 511 ou enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.es.




