Pestanas principais

A Aula CeMIT do Concello de Ames organiza tres cursos para o mes de maio

Venres, 27 de abril de 2012

[27-04-2012] A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames organiza tres cursos durante o mes de maio. No primeiro obradoiro os usuarios/as coñecerán máis polo miúdo as funcións dunha cámara dixital, no segundo curso os participantes aprenderán a elaborar un currículum e o terceiro obradoiro estará enfocado a que os amienses aprendan a crear páxinas web. O prazo de inscrición para estes cursos estará aberto durante os meses de abril e maio. Esta aula de informática, dependente da Xunta de Galicia, ofrece obradoiros dirixidos á veciñanza amiense. A través deste servizo preténdese que todos os amienses coñezan as nocións básicas da informática e das novas tecnoloxías.

Tras a boa acollida que tiveron os obradoiros impartidos durante os pasados meses na aula de informática de Bertamiráns, en abril e maio ábrese un novo prazo para inscribirse nos cursos que se impartirán no vindeiro mes. A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello Ames, impartirá tres novos obradoiros durante o mes de maio.

No primeiro obradoiro os usuarios/as aprenderán as funcións dunha cámara dixital. Nesta actividade os participantes aprenderán o que é unha cámara dixital; a identificar os diferentes tipos de cámaras dixitais; coñecerán ás vantaxes de ter unha cámara dixital respecto a unha convencional; a seleccionar ás características técnicas dependendo do uso previsto da cámara; a realizar fotos con calidade; e descargar as fotos e gardalas cunha resolución apropiada. Esta actividade desenvolverase dende o día 7 ata o 10 de maio, en horario de 11:00 h a 12:00 horas. O prazo de inscrición estará aberto ata o 4 de maio. Para acceder a esta actividade é necesario coñecer o funcionamento básico dun ordenador e dispoñer dunha cámara dixital ou dun teléfono móbil con cámara.

O segundo obradoiro que se vai organizar permitiralles aos/as usuarios/as aprender a elaborar un currículum. Nesta actividade aprenderán a identificar os obxectivos do Curriculum Vitae e coñecer os aspectos previos á súa elaboración. Tamén coñecerán as distintas partes do currículum; identificar as distintas tipoloxías; coñecer as recomendacións para a súa redacción-presentación; e as novas tendencias para a súa elaboración. Esta actividade realizarase entre os días 21 e 22 de maio en horario de 11:05 a 12:05 horas. O prazo de inscrición remata o 18 de maio de 2012.

No terceiro curso os participantes aprenderán a crear páxinas web. Nesta actividade os participantes aprenderán a comprender a estrutura e funcionamento dunha páxina web; recoñecer os diferentes tipos de páxinas; crear unha páxina web sinxela e diferenciar entre un blog e unha web estática. Esta actividade desenvolverase dende o día 28 ata o 31 de maio, en horario de 19:15 a 20:30 h (os días 28 e 29) e de 19:00 a 20:30 h (os días 30 e 31). O prazo de inscrición estará aberto dende o día 7 ata o 25 de maio de 2012.

Aula Aberta

A aula CeMIT tamén se pode usar de forma libre, e dicir, para buscar información na internet, comprobar o correo electrónico, facer traballos, etc... As horas de Aula Aberta son polas mañás de 9:30 h a 13:00 horas, e polas tardes de 16:30 h ata ás 20:30 horas. Este horario depende das actividades programadas cada mes.

A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. Ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolle os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da sociedade da información.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Ames situada na Praza de Chavián s/n (Casa da Cultura de Bertamiráns), a través da páxina web http://cemit.xunta.es/, chamar ao teléfono 662 371 511, ou enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.es