Pestanas principais

A Aula CeMIT do Concello de Ames organiza tres cursos durante o mes de outubro

Martes, 25 de setembro de 2012

[25-09-2012] A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames organiza tres novos cursos durante o mes de outubro. No primeiro obradoiro os usuarios/as aprenderán a realizar compras de forma segura a través da Internet, no segundo curso os participantes coñecerán máis polo miúdo certas medidas de seguridade que se deben ter en conta cando se traballa con equipos informáticos, e o terceiro e último curso tratará sobre a iniciación á informática e á Internet. Á parte destes cursos a Aula CeMIT de Ames continúa coa programación multimedia e audiovisual do ano 2012. Deste xeito, ofértanse actividades sobre a produción audiovisual e a creación de contidos multimedia.

A Aula CeMIT do Concello xa ten preparada a programación de actividades para o próximo mes de outubro. A Rede CeMIT configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a sociedade da información en Galicia. Nesta nova edición, o programa de formación conta con tres cursos que se desenvolverán ao longo do mes de outubro. Ademais, continuase coa programación multimedia e audiovisual do ano 2012.

O primeiro dos cursos que se celebrarán en outubro tratará sobre as medidas de seguridade que hai que adoptar para facer compras na Internet. Os usuarios/as coñecerán o que é o comercio electrónico, identificarán as vantaxes da compra pola Internet, recoñecerán unha páxina web segura, coñecerán os distintos medios de pago que existen na Internet, e poderán realizar unha compra on-line. Ademais, coñecerán a lexislación vixente sobre o comercio electrónico e recoñecerán sitios web para comprar pola Internet. Esta actividade vai ter lugar entre os días 1 e 4 de outubro, en horario de 10:30 a 11:40 horas. Para poder participar nesta actividade é requisito imprescindible coñecer o uso básico da navegación pola Internet e dispor dunha conta de correo electrónica activa. As inscricións nesta actividade poderá realizarse ata o día 30 de setembro.

A segunda das actividades tratará sobre a seguridade informática. Nesta actividade coñecerase o que é un virus informático ou ameaza informática, que tipos de virus hai, que medidas de seguridade se deben ter en conta, e que é un antivirus. Os participantes identificarán os principais antivirus, tanto de pago como gratuítos e en liña, coñecerán as distintas áreas que un antivirus pode protexer e como configuralas, e tamén identificarán outros programas que axuden a protexer os nosos equipos e coñecerán as súas funcións principais. A actividade vai ter lugar entre os días 8 e 9 de outubro, en horario de 19:00 a 20:20 horas. Para participar nesta actividade é imprescindible coñecer o uso básico dun equipo informático. As inscricións nesta actividade poden realizarse ata o día 5 de outubro.

O terceiro e último obradoiro que se impartirá no mes de outubro tratará sobre á iniciación á informática e á Internet. Nesta actividade aprenderase o manexo básico dun equipo informático, como acendelo e apagalo, o manexo do rato e do teclado con soltura. Ademais, os participantes habituaranse co entorno de traballo e o manexo das ventás, xestión de arquivos e cartafoles (crear, eliminar, copiar, etc.), copiar un documento nunha unidade extraíble (disquete, memoria USB), e crear ou imprimir un documento cun editor de textos. Na parte relativa a Internet aprenderase o que é un navegador, que navegadores temos dispoñibles, como entrar nunha web e navegar por ela, veremos como entrar na prensa dixital, e ver a tele na Internet. Tamén se aprenderá a crear unha conta de correo electrónico, abrir a conta, ler as mensaxes, contestalas, e aprenderase a buscar información na Internet e outras actividades. Esta actividade impartirase entre os días 8 e 22 de outubro, en horario de 10:30 a 12:00 horas. Esta actividade está dirixida a persoas sen coñecementos informáticos ou que queiran mellorar ás súas aptitudes informáticas. As inscricións nesta actividade de alfabetización dixital pódense realizar ata o día 5 de outubro.

Programación multimedia e audiovisual 
Ademais destes cursos, a Aula CeMIT do Concello de Ames continuará coa programación multimedia e audiovisual do ano 2012. Neste marco, levarase a cabo un curso de Produción audiovisual dende o día 24 de outubro ao 15 de novembro. O horario será de 10:00 a 14:00 horas. A outra actividade enmarcada na programación multimedia e audiovisual é o curso de Creación de contidos multimedia, que terá lugar dende o 24 de outubro ata o 12 de novembro, en horario de tarde, de 16:00 a 20:00 horas.

A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. Ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolle os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da sociedade da información.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Ames situada na Praza de Chavián s/n (Casa da Cultura de Bertamiráns), a través da páxina web www.aulascemit.xunta.es/inscripcion, chamar ao teléfono 662 371 511 ou enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.es