Pestanas principais

A aula CeMIT do Concello de Ames organiza dous obradoiros de informática durante o mes de xaneiro

Xoves, 15 de decembro de 2011

[15-12-2011] A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello Ames organiza dous curso durante o próximo mes de xaneiro. O primeiro obradoiro que se vai impartir denomínase “Mecanografía por ordenador para adultos”, mentres que o segundo obradoiro que se vai organizar permitiralle aos usuarios/as aprender a descargar fotos dunha cámara dixital ou do móbil. Esta aula de informática, dependente da Xunta de Galicia, ofrece obradoiros dirixidos a veciñanza amiense. Durante o mes de decembro a aula CeMIT está impartindo o curso Alfabetización dixital: Iniciación á informática e á internet . A través deste servizo preténdese que todos os amienses coñezan as nocións básicas da informática e das novas tecnoloxías.

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello Ames, impartirá dous obradoiros durante o mes de xaneiro. O primeiro obradoiro que se vai impartir denomínase "Mecanografía por ordenador para adultos". Neste obradoiro aprenderase a colocar ben o corpo e ás mans, así como cales son os bos hábitos que hai que adquirir para evitar riscos de lesións. Este obradoiro vai ter lugar na Aula CeMIT de Bertamiráns (Aula de informática) do día 9 de xaneiro ao 20 de xaneiro do 2012 en horario de 19:30 h. a 20:30 horas todos os días de luns a venres. O prazo de inscrición para este obradoiro é do 12 de decembro do 2011 ao 4 de xaneiro do 2012.

O segundo obradoiro que se vai organizar permitiralle aos usuarios/as aprender a descargar fotos dunha cámara dixital ou do móbil. Aquí aprenderase a descargar todas as fotos que imos almacenando na cámara dixital ou no móbil ao ordenador, gravalas nun CD e preparalas para envialas polo correo electrónico. Este obradoiro tamén vaise impartir na propia Aula CeMIT de Bertamiráns ós días 23, 24, 25 en horario de 19:30 h. a 20:30 horas. O prazo de inscrición para este obradoiro vai do 19 de decembro do 2011 ao 20 de xaneiro do 2012.

A aula CeMIT tamén se pode usar de forma libre, e dicir, para buscar información na internet, comprobar o correo electrónico, facer traballos, etc... As horas de Aula Aberta son polas mañás de 9:30 h. a 13:00 horas, e polas tardes de 16:30 h. ata ás 20:30 horas. Este horario depende das actividades programadas cada mes que imos ir publicando.

A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. A Rede CeMIT ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Ames sito Praza de Chavián s/n (Casa da Cultura), a través da páxina web http://cemit.xunta.es/, chamar ao teléfono 662 371 511, ou enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.es