Pestanas principais

A Aula CeMIT do Concello de Ames organiza dous novos obradoiros durante o mes de decembro

Xoves, 08 de novembro de 2012

[08-11-2012] A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames organiza dous novos obradoiros durante o mes de decembro. No primeiro obradoiro os usuarios/as aprenderán a realizar compras e ventas de forma segura a través da Internet. O segundo obradoiro está dirixido aos nenos e nenas para que aprendan a crear as súas propias postais de Nadal. O prazo de inscrición para estes cursos estará aberto durante todo o mes de novembro e parte do mes de decembro. Esta aula de informática, dependente da Xunta de Galicia, ofrece obradoiros dirixidos á veciñanza amesá. A través deste servizo preténdese que todos os amesáns coñezan as nocións básicas da informática e das novas tecnoloxías.

A Aula CeMIT do Concello xa ten preparada a programación de actividades para o próximo mes de decembro. A Rede CeMIT configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a sociedade da información en Galicia. Nesta nova edición, o programa de formación conta con dous novos obradoiros que se desenvolverán durante o último mes do ano.

No primeiro obradoiro aprenderase a realizar compras e ventas de forma segura a través da Internet. En primeiro lugar, os usuarios/as aprenderán a identificar o que é o comercio electrónico e coñecerán os beneficios de vender a través da internet. A continuación identificarán os portais de venta online e aprenderán a identificar os portais de troco de produtos e servizos. Por último, coñecerán os medios de pago usados na internet e identificarán os medios de transporte máis usados na venta online. Esta actividade está dirixida á cidadanía que teña un nivel medio no uso do ordenador e dispoñan dunha conta de correo electrónico. Isto é necesario para poder darse de alta nos portais web e manexar a nivel medio un navegador na internet. O obradoiro desenvolverase entre os días 3 e 5 de decembro, en horario de 10:30 h. a 11:40 horas; de 10:30 h. a 12:00 horas; e de 10:30 h. a 11:45 horas, respectivamente. O prazo de inscrición para participar nesta actividade estará aberto ata o día 30 de novembro.

O segundo obradoiro que se vai organizar está dirixido aos nenos e nenas de entre 6 e 9 anos que queiran aprender a crear as súas propias postais de Nadal. Os cativos aprenderán a usar programas como o TuxPaint ou o Writter. Esta actividade desenvolverase dende o día 17 ata o 19 de decembro, en horario de 19:00 h. a 20:00 horas. Todos os nenos e nenas que estean interesados en participar nesta actividade poden facer a inscrición ata o día 14 de decembro.

Promóvese a alfabetización dixital da sociedade amiense
A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. Ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolle os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da sociedade da información.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Ames situada na Praza de Chavián s/n (Casa da Cultura de Bertamiráns), a través da páxina web www.aulascemit.xunta.es/inscripcion, chamar ao teléfono 662 371 511 ou enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.es


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A aula do Cemit do concello de Ames organiza novos obradoiros"