Pestanas principais

A Aula CeMIT do Concello de Ames organiza dous novos cursos para o mes de xullo

Venres, 05 de xullo de 2013

[05-07-2013] A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames organiza dous novos cursos para o que resta de mes de xullo. No primeiro obradoiro os usuarios/as coñecerán máis polo miúdo as características e aplicacións do Google Calendar, mentres que no segundo curso os participantes poderán participar nun curso de creación de blogs. O prazo de inscrición para o curso de creación de blogs estará aberto ata o 12 de xullo. A través deste servizo preténdese que todos os amesáns coñezan as nocións básicas da informática e das novas tecnoloxías.

Un mes máis a Aula CeMIT do Concello de Ames ofrece unha ampla e variada programación de cursos sobre as novas tecnoloxías. A Rede CeMIT configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a sociedade da información en Galicia. Nesta nova edición, o programa de formación conta con dous novos cursos que se desenvolverán no que queda do mes de xullo. Esta aula de informática, dependente da Xunta de Galicia, ofrece obradoiros dirixidos á veciñanza amesá.

O primeiro curso que se vai impartir servirá para aprender que é o Google Calendar (as súas características, crear os calendarios, compartilos, sincronizalos, etc.). Ademais, coñeceranse as compatibilidades entre os distintos sistemas operativos e navegadores da internet. Para acceder a esta formación é necesario dispoñer dunha conta de correo electrónico (preferiblemente Gmail) e dispoñer de coñecementos básicos sobre navegación pola internet. Esta actividade vai ter lugar na Aula CeMIT de Ames do día 8 ao 10 de xullo, en horario de 10:00 h a 11:15 horas (os días 8 e 9), e o día 10 de xullo en horario de 10:00 h a 11:00 horas.

Na segunda actividade os usuarios/as coñecerán que é un blog; distinguirase doutros sitios web; identificaranse distintos tipos de blogs; explicaranse as finalidades dun blog; crearase un blog; e identificaranse os elementos e accións que condicionan o posicionamento dun blog na internet. Para acceder a esta formación é necesario coñecer o uso básico dun ordenador, dispoñer dunha conta de correo electrónico co que darse de alta nunha aplicación para crear un blog e manexar dunha forma básica un navegador na internet. Esta actividade desenvolverase entre o día 15 e o 17 de xullo, en horario de 19:00 h a 20:30 horas. O prazo para apuntarse nesta actividade remata o día 12 de xullo.

Promóvese a alfabetización dixital da sociedade amiense
A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. Ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolle os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da sociedade da información.

Para inscribirse nos cursos ou solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Ames situada na Praza de Chavián s/n (Casa da Cultura de Bertamiráns), a través da web www.aulascemit.xunta.es/inscripcion, chamar ao teléfono 662 371 511 ou enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.es.