[06-09-2012] A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames organiza dous novos cursos durante o mes de setembro. No primeiro obradoiro os usuarios/as coñecerán máis polo miúdo como traballar cunha folla de cálculo, no segundo curso os participantes aprenderán a realizar trámites electrónicos. Á parte destes dous cursos a Aula CeMIT de Ames continúa coa programación multimedia e audiovisual do ano 2012. Deste xeito, ofértanse actividades sobre o papel do community manager e o streaming de audio e vídeo, que terán unha duración de 16 horas. Esta aula de informática, dependente da Xunta de Galicia, ofrece obradoiros dirixidos á veciñanza amesá. A través deste servizo preténdese que todos os amesáns coñezan as nocións básicas da informática e das novas tecnoloxías.
Tras o descanso do persoal que dirixe a Aula CeMIT do Concello, está aula de informática, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, volve a acoller dous cursos durante o mes de setembro nos que os e as asistentes poderán aprender a empregar follas de cálculo e a levar a cabo trámites electrónicos. Ademais, continuase coa programación multimedia e audiovisual do ano 2012.
O primeiro dos cursos que se celebrarán en setembro tratará sobre as follas de cálculo. Nesta actividade, que terá lugar do 11 ao 14 de setembro, os alumnos e alumnas poderán familiarizarse coas follas de cálculo, crearán táboas de datos e traballarán con fórmulas. Este curso celebrarase entre o 11 e o 14 de setembro en diferentes horarios. Así, será entre as 10:30 e as 12:00 horas os días 11 e 12 de setembro e de 10:30 a 11:30 as outras dúas xornadas (os días 3 e 14). Esta actividade vai dirixida á cidadanía en xeral co manexo básico do ordenador.
A segunda das actividades tratará sobre os trámites electrónicos. Nesta actividade, os alumnos e alumnas comprenderán o que é un certificado dixital e os pasos necesarios para obtelo, e coñecerán os trámites electrónicos que ofrecen as administracións. Este curso levarase a cabo os días 24 e 25 de setembro en horario de 19:00 a 20:00 horas. Para acceder a esta actividade, os asistentes deben coñecer o uso do ordenador a nivel básico e dispoñer dunha conta de correo electrónico.
Programación multimedia e audiovisual
Ademais destes cursos, a Aula CeMIT do Concello de Ames continuará coa programación multimedia e audiovisual do ano 2012. Neste marco, levarase a cabo un curso de Streaming de audio e video entre os días 17 e 20 de setembro. O horario será de 10:00 a 14:00 horas. A outra actividade enmarcada na programación multimedia e audiovisual é o curso de Community manager, que terá lugar tamén entre o 17 e o 20 de setembro, pero en horario de tarde, de 16:00 a 20:00 horas.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre estas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Ames, a través da web https://aulascemit.xunta.es/inscripcion. Tamén poden facelo enviando ao correo electrónico cemit.ames@xunta.es a seguinte información: nome e apelidos, DNI, data de nacemento e teléfono de contacto.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "A Aula CeMIT do Concello de Ames organiza dous cursos durante o mes de setembro"




